Fanse 50 anos do asasinato do estudante Chema Fuentes a mans da Policía

Outes homenaxea este sábado Chema Fuentes con motivo do 50 aniversario do seu asasinato a mans da Policía en Compostela. Unha morte que causou protestas masivas contra o réxime franquista.

Sepelio de Chema Fuentes nun recorte de 'El Correo Gallego'.
photo_camera Sepelio de Chema Fuentes nun recorte de 'El Correo Gallego'.

O 3 de decembro fanse 50 anos da morte de Chema Fuentes a mans da policía en Compostela. A súa morte provocou protestas masivas contra o réxime e, no marco destas mobilizacións, fixo a súa aparición pública a organización ERGA, que suma tamén 50 anos.

O asasinato do estudante de Medicina tivo lugar na madrugada do día 2 ao 3 de decembro. O Terra e Tempo de Nadal, de 1972, recollía: “Un policía disparoulle sen motivo; disque estaba bébedo”. O 5 de decembro, La Voz de Galicia, facíase eco do acontecido, mais por boca da Policía, advertindo de que foran alertados por un posíbel roubo e que dispararon ao aire, cando viron fuxir dous mozos. Apuntaban ao asasinato como un feito accidental.

A morte do veciño de Outes Chema Fuentes aos 20 anos de idade provocou grandes mobilizacións do estudantado da Universidade compostelá contra o réxime franquista.

Manuel Mera lembrou os feitos para Sermos Galiza. “O 4 de decembro realizouse unha manifestación polas rúas da cidade, que foi disolta, e o día seguinte outra cunha maior participación”.

O sindicalista fai alusión ao uso de métodos empregados na Arxentina durante a ditadura militar, nas mobilizacións. Así, cruzaron coches e fixeron barricadas nas rúas con material de construción, “perto da obra onde traballei de peón unha tempada”. Corrobórao La Voz de Galicia do 6 de decembro: “Na estrada de circunvalación, rúa de Romero Donallo, apareceron barricadas e restos de materiais de construción”.

“Planificaramos a nosa presenza”, lembra Mera, “no meu caso, fíxeno disfrazado, para evitar a identificación”. Enseguida se incorporaron estudantes para protestar contra un asasinato “moi comentado nos ambientes politizados”.

O paro na Universidade continuou algúns días máis con mobilizacións, o que provocou que o Goberno Civil se vira na obriga de mudar a versión trasladada nun primeiro momento e de recoñecer “abuso policial”, de maneira que detiveron o axente que disparara contra Chema Fuentes. En xullo de 1973, a Audiencia da Coruña condenaba o policía a máis de 17 anos de cadea e a indemnizar a familia.

O asasinato traspasou fronteiras para chegar a outras cidades universitarias de fóra da Galiza, virando Chema Fuentes nun símbolo contra o franquismo.

Nacemento de ERGA

É neste contexto onde a organización nacionalista Estudantes Revolucionarios Galegos (ERGA) fai a súa aparición pública. Era, lembra Mera, un “momento social e político tenso e ateigado de ilusións, xa que as importantes folgas obreiras de marzo e setembro de 1972 en Ferrol e Vigo, malia que foron duramente reprimidas, aumentaron o descrédito do réxime”.

En relación á implantación popular de ERGA, Mera apunta que “existían condicións obxectivas acaídas” e que avanzou “onde outras forzas se estancaron e recuaron porque fixo unha caracterización axeitada da realidade nacional galega, propuxo obxectivos sentidos e optou por métodos de traballo correctos”.

A este respecto, apunta que comezou cun “mínimo de militantes”, nun momento en que o Partido Comunista de Galicia (PCG) e o Movemento Comunista de Galicia (MCG) tiñan unha forte implantación na Universidade. “As condicións obxectivas foran creadas, tanto polos erros e a represión do réxime como, en boa medida, por outras forzas políticas e sociais da oposición, que logo non souberon interpretar esta nova etapa, ou carecían dun suxeito político-social capaz de desenvolver as tarefas necesarias”, afirma.


Nesta liña, salienta que ERGA “nacía como unha tendencia, ou sexa, unha organización de base da Unión do Povo Galego (UPG) na que ademais de militantes participaban simpatizantes cos mesmos dereitos e obrigas”.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios