O sindicalismo galego sae á rúa para reivindicar a "plena vixencia" das loitas obreiras de 1972

CIG e CCOO mobilízanse en Ferrol con motivo do Día da Clase Obreira Galega, no 50 aniversario das loitas obreiras.
Manifestación da CIG polas rúas de Ferrol, esta quinta feira (Foto: Nós Diario).
photo_camera Manifestación da CIG polas rúas de Ferrol, esta quinta feira (Foto: Nós Diario).

Delegadas e delegados da CIG procedentes de diferentes vilas e cidades de todo o país manifestáronse esta quinta feira polas rúas de Ferrol con motivo do 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega. Este ano a data cobrou especial relevancia, pois fixéronse 50 anos das loitas obreiras de 1972, "xerme do sindicalismo nacionalista que hoxe representa a CIG", sinala o sindicato.

O secretario xeral da organización sindical, Paulo Carril, depositou unha ofrenda floral ao pé do monumento ao 10 de marzo na cidade, e aludiu no seu discurso á "plena vixencia" daquelas loitas de 1972. Aliás, subliñou o "orgullo" de formar parte dunha "historia colectiva" e unha "tradición sindical de loita honrada e coherente" que ao longo destes anos, dixo, levou a CIG a ser "primeira forza sindical en representación, afiliación e iniciativa social na Galiza.

Hoxe, medio século após aquelas loitas obreiras, Carril reivindicounas como "inspiración" nun momento "no que está en xogo o noso futuro como clase traballadora e como pobo galego", en referencia á "crise industrial e económica que atravesa a Galiza, agravada pola crise derivada da pandemia e á que agora se suman as consecuencias do conflito bélico na Ucraína".

A respecto da guerra no leste de Europa, o líder sindicalista urxiu o "cesamento inmediato do conflito armado e a volta á vía diplomática", xa que "a guerra nunca é solución, senón traxedia e destrución na que as clases populares e os pobos son as vítimas".

O secretario xeral da CIG criticou que medidas como a reforma laboral ou a reforma das pensións están a afectar "de maneira negativa" a clase traballadora ao "non recuperar nin gañar dereitos" e non actuar "efectivamente" na "eliminación das desigualdades e discriminacións que sofren as mulleres".

Considerou "imperdoábel" que "un Goberno denominado de esquerda siga sen tomar medidas de intervención pública na economía, e sen levar adiante cambios profundos nas políticas económicas e fiscais para poder ter unha vida digna e acabar cos efectos devastadores que a carestía da vida está a provocar nas maiorías sociais", mentres "unhas poucas empresas, sobre todo do sector enerxético, gañan millonarios beneficios".

Carril dixo que a clase obreira está chamada ao "conflito" na negociación colectiva e a "xerar dinámicas mobilizadoras" para "facer fronte" á situación actual: "Para que non nos rouben o dereito a negociar na Galiza os nosos convenios colectivos, defendendo o noso poder de negociar e decidirmos nós de forma directa e democrática as nosas condicións de traballo e os nosos salarios, impedindo que o fagan as cúpulas sindicais de UGT e CCOO desde Madrid", concluíu.

CCOO

Polas rúas de Ferrol tamén marchou unha delegación de CCOO, encomendada polo secretario xeral da organización no Estado, Unai Sordo, e a responsábel na Galiza, Amelia Pérez.

"É o 50 aniversario da data na que fomos protagonistas da historia deste país, uns acontecementos en Ferrol e Vigo, un ano no que temos que recuperar memoria e construír, non tirar de nostalxia pero si ter coñecemento dos feitos que se produciron aquel ano, a loita de homes e mulleres que pelexaron contra os últimos estertores do franquismo", dixo Pérez.

Comisións Obreiras, sentenciou a sindicalista, "sempre estará comprometida coa conciencia e o orgullo de clase".

Comentarios