Opinión

ERGA, medio século, tempos de represión e lume

Como pasa o tempo. A mediados de decembro de 1972 xurdiu en Compostela ERGA (Estudantes Revolucionarios Galegos). Ou sexa, hai nada menos que medio seculo!!! Era unha organización que acadou na década dos 70 a hexemonía entre o estudantado, e ademais sería un viveiro de “cadros” para o nacionalismo galego nas distintas fronets de masas e no partido e na fronte política. ERGA xurdia como unha “tendencia” da Union do Povo Galego (UPG), daquela máis un movemento que un partido, seguindo a experiencia alxeriana. Entendendo como “tendencia” o significado que tiña na America Latina; ou sexa: unha estrutura de base do partido, que sumaba militantes e simpatizantes, nacida para constituir o xerme dun sindicato de estudantes (obreiro, etc) que tiña como obxectivo acadar un papel hexemonico unha vez conquistada a democracia.

A chegada de ERGA á universidade primeiro, e ás escolas secundarias axiña, foi un revulsivo e un imán para aqueles mozos e mozas que pensaban que a liberación nacional e a xustiza social eran na Galiza tarefas esenciais; interdependentes dado o papel subordinado da nosa nación. A práctica amosou axiña que era unha caracterización correcta, daquela a rapida expansión de ERGA. En poucos meses consegiu nuclear un número considerabel dos/das estudantes máis activos, disputándolle o terreo a outras alternativas que estaban consolidadas. Axudou neste proceso a situación internacional, as grandes folgas de marzo e setembro en Ferrol e Vigo, mais sobre todo faltaba unha organización que ocupase ese espazo político, no que a autorganización era un principio fundamental.

A UPG encargoume a misión de organizar aos estudantes de Compostela que estaban achegados a esta forza, xa que coidaban ca miña experiencia en Bos Aires neste campo valería de moito. Non me gustou a proposta, xa que voltara da emigración poucas semanas antes coa finalidade de integrarme á loita política dentro do movemento obreiro (alentado por unha carta de Lois Soto desde México e sobre todo polas folgas xerais de Ferrol e Vigo, especialmente por esta última). Agora ben, a tarefa houbese sido practicamente imposibel se non fose por varias razós:

- As folgas xerais e a represion deixaran semente de loita contra a ditdura e a prol da democracia; no mundo habia un ascenso dos procesos de liberacion nacional e un avance do movemento obreiro. Na Galiza houbo accións da relevancia da captura do Santa Maria por parte de Xosé Velo, a mobilización labrega en Castrelo de Miño, e a revolta estudantil en Compostela, que deixaron en evidencia unha vangarda combativa e que a resposta estendiase a todos os sectores populares. Ademais as forzas da oposición hexemonicas no movemento obreiro (PC) e no estudantado (PC e MC) non estiveran á altura do momento nas folgas xerais e carecian dunha proposta que dera resposta ao mesmo tempo á cuestión nacional galega e á explotación de clase, e sobre todo non eran organizacións do povo galego plenamente autonomas.

- Ademais, tivo moito valor o aporte subxectivo, é dicir: que a persoas coas que contactei fosen as apropiadas, xa que foron os alicerces do proxecto. Porque para alén do que poiden aportar en materia organizativa e no aspecto teorico para rachar coa dependencia dende unha vision marxista-leninista, (e na práctica pola miña militancia na Irmandade Galega de Bos Aires e en Vanguardia Comunista) os contactos, as relacións, as tarefes concretas foron desenvoltas polas persoas que constituiron inicialmente ERGA e as que se sumaron posteriormente. Había un traballo previo.

Enmarcado o contexto, imos cos feitos. Axiña incorporaronse en Compostela Anselmo López Carreira, Suárez Canal, Giraldez “o Indio”, Méndez Antas “o Rubio”, Marisa de “Fonsagrada”, Bernardo e Casado (orixinarios dos concellos de Xunqueira de Ambia e Maceda), Chus Pato, etc., e axiña contactei con mozos da comarca de Ferrol (Suso, Che Mari, Gonzalo, Pepe Barros, etc), por medio de Xosé Paz que vivia en Sada. Era un militante da esquerda brasileira, que mantiña reunións con eles e que voltara a Galiza había uns anos, e que me presentou seu irman que viaxaba no barco no que eu retornei. Paz coincidia coa valoración de que Galiza era unha colonia, coa necesidade de autoorganizar e de acadar a soberania. Estes/as dous grupos de estudantes formaron o núcleo inicial de ERGA (podo esquecer algun/a). Xosé Paz tamén foi esencial para vincular a traballadores/as de empresas da Coruña coa Fronte Obreira da UPG.

A mediados de decembro fixose unha reunión no Monte da Condesa, na que se decidiu a creación de ERGA, así como o nome do boletín: Lume. Acordamos que a propaganda, axitacion e mobilización, así como a organización eran fundamentais para construir o proxecto (esa era a experiencia que traia da Arxentina, nunha militancia condicionada polas ditaduras militares). Despois viñeron as reunións clandestinas, cunha estrutura celular nas que a relación entre militantes estaba compartimentada para dificultar a represion. As tarefas: intervir nas asembleas e falar en galego, espallar as otavelas, pintadas masivas para se dar a coñecer, vencellar o concreto co estratéxico… Eu daquela, para vivir, comecei a traballar na construción, primeiro de peón e logo de electricista de mantenemento.

Os primeiros militantes de ERGA tiñan moito en común, e eran persoas politizadas. Tratábase de mozos/as que chegaran á universidade caneando atrancos económicos, unha orixe rural ou dos arredores das cidades. Eran na universidade un produto novo, criado polo auxe industrial dos 60 e a emigración a Europa, que sentían o rexeitamento do sistema por unha banda, e por outra querían abrirse paso fronte a un modelo académico que non respondía ás súas inquedanzas, e un sistema retrogrado e elitista. Esta foi outra das razóns, xunto a unha entrega moi forte ao proxecto, pola que ERGA acadou tanta forza en tan pouco tempo.

E isto permitiu: dar unha resposta axeitada á realidade estudantil, atinxir unha participación moi ampla e garantir o máximo protagonismo da base,... considerando ca vontade dos povos pode transformar as situacións máis adversas cando hai teimosía, atrevemento, e unha liña axeitada. O éxito de ERGA debeuse a unha liña apropiada ao contexto, e sobre todo, a constituírse nun proxecto colectivo, onde a célula o debatía todo, e o sistema piramidal da elección da dirección comezaba na base, polo que a ditadura non debilitaba a democracia interna. Foi outro momento histórico, non se pode nen debe repetir nesta realidade de seudo democracia e autonomía limitada e un sistema económico-social esgotado... mais a historia sempre serve de experiencia, máxime cando é a do nacionalismo popular na Galiza, e polo tanto está ateigada de loitas remando contracorrente. 

Por último, coido que é importante que aproveitando o medio século da fundación de ERGA aqueles/as estudantes que militaron construíndo a organización, que existiu até o ano 1988, relaten e fagan unha valoración dos éxitos e erros para termos presente máis unha vez as virtudes da historia do nacionalismo galego naquela conxuntura. Sei que hai libros e artigos escritos encol do tema e non está demais volvelos a ler. En todo caso o fundamental é refrescar acotío as propostas, os feitos, a metodoloxía, e as valoracións que fixo ERGA e o mnpg no seu conxunto... para que formen parte hoxe do subconsciente colectivo como unha contribución máis as tarefas marcadas para esta etapa.