O Goberno estatal urxe exhumar os restos de Queipo de Llano

Após a recente entrada en vigor da nova Lei de memoria, o Executivo estatal contactou cos responsábeis da Irmandade da Macarena de Sevilla para que proceda, "o máis axiña posíbel", á exhumación dos corpos do dirixente golpista e máis do relixioso Francisco Bohórquez, executor de sentenzas durante a guerra.
O golpista Gonzalo Queipo de Llano. (Foto: lasrepublicas.com)
photo_camera O golpista Gonzalo Queipo de Llano. (Foto: lasrepublicas.com)

O secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez López, enviou á primeira hora desta segunda feira unha carta ao Irmán Maior da Irmandade da Macarena (Sevilla), José Antonio Fernández Cabrero, para que proceda a dar cumprimento á Lei de memoria democrática mediante a exhumación e posterior traslado dos restos do militar golpista Gonzalo Queipo de Llano e do relixioso executor da represión Francisco Bohórquez Vecina.

A misiva dá resposta ás declaracións de Fernández Cabrero, quen a pasada cuarta feira manifestou en rolda de prensa que a irmandade estaba "agardando que lle digan que ten que facer" ante a entrada en vigor desta lei, que obriga a retirar os restos de ambos os dous persoeiros da basílica da entidade.

Segundo recolle a carta, esta nova norma "pretende fechar unha débeda da democracia española co seu pasado e fomentar un discurso común baseado na defensa da paz, o pluralismo e a condena de toda forma de totalitarismo político que poña en risco o efectivo goce dos dereitos e liberdades inherentes á dignidade humana".

Así, o Goberno defende que os restos mortais do dirixente da sublevación de 1936 e responsábel da represión en Andalucía en datas posteriores repousan desde 1951 baixo o camarín da Virxe da Basílica da Esperanza Macarena. E que tamén se achan neste mesmo templo os restos mortais de Francisco Bohórquez, auditor de guerra e responsábel da execución de sentenzas con aplicación de bando de guerra.

"Durante os últimos anos, o paradoxo que supón esta presenza nun recinto relixioso destinado ao culto e a oración foi obxecto dun amplo debate social, do que se fixeron eco numerosos medios informativos e publicacións nacionais e internacionais", engade a continuación. Por iso, como mostra de respecto cara ás vítimas e os seus familiares, e en cumprimento do previsto na nova lei, "é obrigado pór fin a esta situación".

Martínez López considera que as declaracións públicas de Fernández Cabrero, na súa condición de Irmán Maior da Macarena, son "expresión inequívoca" tanto de "respecto cara ás disposicións legais vixentes como de compromiso co seu cumprimento". Así, non ten "dúbida" de que a norma "inscríbese adecuadamente nos criterios de funcionamento da entidade" que representa.

Por conseguinte, agradeceulle na misiva a súa "boa disposición" para facilitar "ao máximo e o máis axiña posíbel" a realización dos trámites necesarios para a exhumación e traslado dos restos de Queipo de Llano e Bohórquez Vecina. Aliás, trasladoulle a "disposición" do equipo da secretaría de Estado de Memoria Democrática para "calquera dúbida ou consulta" que queiran formular a fin de dar cumprimento á Lei de memoria.

Evitar actos de exaltación ou enaltecemento

A Lei de memoria inclúe o recoñecemento de "quen padeceu persecución ou violencia, por razóns políticas, ideolóxicas, de pensamento ou opinión, de conciencia ou crenza relixiosa, de orientación e identidade sexual, durante o período comprendido entre o golpe de estado do 18 de xullo de 1936 e a entrada en vigor da Constitución de 1978".

E, en concreto, fai alusión ao artigo 38.3, que estabelece que "os restos mortais de dirixentes do golpe militar de 1936 non poderán ser nin permanecer inhumados nun lugar preeminente de acceso público, distinto a un cemiterio, que poida favorecer a realización de actos públicos de exaltación, enaltecemento ou conmemoración das violacións de dereitos humanos cometidas durante a guerra ou a ditadura".

Neste mesmo sentido, tamén se refire ao artigo 35.5, que sinala que "cando os elementos contrarios á memoria democrática estean situados en edificios de carácter privado ou relixioso, mais con proxección a un espazo ou uso público, as persoas ou institucións titulares ou propietarias dos mesmos deberán retiralos ou eliminalos".

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios