Un documental difundirá a figura de Manuel Díaz, represaliado en Sarria

O ciclo de proxeccións está impulsado pola Deputación de Lugo
O médico Manuel Díaz González. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O médico Manuel Díaz González. (Foto: Nós Diario)

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo organiza un ciclo de proxeccións do documental O médico dos pobres, sobre o doutor e alcalde republicano no Incio (comarca de Sarria) Manuel Díaz González, coñecido como 'O pequeniño do Incio', asasinado polos falanxistas no ano 1936. Con esta difusión, a entidade provincial busca contribuír á "documentación da represión e ao recoñecemento das vítimas do franquismo".

O audiovisual, dirixido por Federico Rioboo e promovido pola asociación A Memoria é Náufraga, proxectarase en Lugo, Bóveda (Terra de Lemos), Quiroga, Taboada (comarca de Chantada), Sarria, Chantada, Samos (comarca de Sarria), A Pobra do Brollón (Terra de Lemos) e Monforte, en colaboración con concellos e asociacións culturais das distintas localidades. 

No filme participan familiares do médico Manuel Díaz e diversos expertos como os historiadores Lourenzo Fernández Prieto e Antonio Míguez Macho, así como o arqueólogo Xurxo Ayán.

Calendario

A estrea será mañá, sábado 14 de outubro, no Vello Cárcere de Lugo, e o domingo 15 proxectarase no auditorio municipal de Bóveda. Nese concello, nunha casa de Xullán, na parroquia de Toimil, recuperada por A Memoria é Náufraga como centro cultural e de memoria, refuxiouse Manuel Díaz antes de ser apresado e fusilado o 11 de setembro de 1936.

O 24, 25 e 26 de novembro a proxección recaerá, respectivamente, nos concellos de Quiroga, Taboada e O Incio, mentres que nas localidades de Chantada e Sarria será o 1 e o 2 de decembro.

As datas das proxeccións en Samos, A Pobra do Brollón e Monforte fican por concretar. 

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios