IV Xornadas contra a impunidade franquista

A represión das identidades nacionais centra o debate nas xornadas sobre a impunidade franquista

Aitor Esteban (PNV), Joan Tardá (ERC) e Olalla Rodil (BNG) debaten na IV Xornadas contra a impunidade franquista, organizadas polo Departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra, sobre a actitude do Estado español a respecto dos nacionalismos.

PONTEVEDRA IMPUNIDADE
photo_camera María Obelleiro, Aitor Esteban, María Ortega, Olalla Rodil e Joan Tarda.

A mesa redonda sobre “A represión das identidades nacionais” abriu este sábado a cuarta edición das Xornadas contra a impunidade franquista, unha cita consolidada no campo da memoria histórica e que aborda o franquismo, os seus efectos e consecuencias desde prismas diferentes.

A directora de Nós Diario, María Obelleiro, foi a moderadora dun coloquio no que tomaron parte Aitor Esteban (PNV), Joan Tardá (ERC) e Olalla Rodil (BNG) e no que tamén interviron voces desde o público .A deputada de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra, María Ortega, quixo agradecer a asistencia e participación da xente nestas xornadas.

Segue o Estado español actual política, social ou mediaticamente, vendo os nacionalismos baixo a visión que dos mesmos xerou o franquismo? Eis a pregunta sobre a que decorreu boa parte do coloquio, achagando ideas e propostas en torno á refelxión de que "a represión das identidades nacionais" non é algo que se cinga unicamente ao franquismo, como apuntou María Obelleiro.

Joan Tardá considera que no Estado español arraigaron tres ideas, “que aínda perviven hoxe”. Refírese o ex portavoz de ERC no Congreso á idea de que España é unha nación que existe desde hai máis de 500 anos, a que todos os territorios que a integran optaron por unirse pacificamente e, subliñou, a idea de que “a democracia esta supeditada á unidade española”.

Tardá apelou á ausencia dunha “descastelanización” no Estado español como houbo en Alemaña unha “desprusianización”, polo que Castela segue a ser identificada como a España real. Unha liña que tamén apuntou Aitor Esteban cando dixo que para moitos e moitas as persoas nacionalistas son “cidadáns de segunda. Dinnos que somos españois mais despois somos españois de segunda”.

Olalla Rodil alertou da “criminalización” do nacionalismo e soberanismo que se está a facer. A viceportavoz parlamentar do BNG lembrou que co golpe franquista de 1936 non só se procedeu na Galiza á “eliminación de persoas individuais”, o que se perseguía era “a eliminación de ideas, de proxectos políticos como o do nacionalismo galego”. Na actualidade, apuntou, o escenario que se vive non se pode entender sen “a desmemoria decretada por lei” que se impuxo após a morte de Franco.

Esteban apuntou, a este respecto, a “visión restritiva” que se fai sempre da constitución española na cuestión territorial, primando a visión “centralista”. Para o portavoz do PNV no Congreso, a idea que se impón é que “o Estado español pode entrar en calquera competencia, en calquera materia”, sen respetar as que son propias das comunidades.

“A impunidade”, dixo Tardá, é un concepto clave para entender o Estado español actual, situando no centro a figura do rei emérito, Juan Carlos I. “E iso mingua a calidade democrática”, o que tamén afecta a como se entenden os soberanismos por parte do Estado.

Programa

O coloquio non foi o único acto deste sábado no marco das Xornadas. A conferencia O trauma franquista e a memoria da lingua, a cargo do profesor Carlos Callón e o relatorio de clausura, a cargo da profesora Ana-Sofía Ferreira, quen fai unha comparativa sobre as políticas públicas de memoria postas en marcha en Portugal tras a Revolución dos cravos e o tratamento da memoria histórica no Estado español; poñen o ramo a esta cita.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios