IV Xornadas contra a impunidade franquista

As experiencias persoais marcan as xornadas sobre a impunidade franquista

As IV Xornadas contra a impunidade franquista, organizadas polo Departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra, comezaron este sábado con relatorios, un debate e a proxección dun documental para analizar a "demonización" de opcións políticas e ideolóxicas polo réxime franquista.

O filólogo e analista do programa La Base, Manu Levin, abriu as xornadas onte en Pontevedra (Foto: Deputación de Pontevedra).
photo_camera O filólogo e analista do programa La Base, Manu Levin, abriu as xornadas onte en Pontevedra (Foto: Deputación de Pontevedra).

A Deputación de Pontevedra comezou esta sexta feira as súas IV Xornadas contra a impunidade que, nesta ocasión, teñen como protagonistas as Ideas Furtadas. A encargada de abrir as sesións no Pazo Provincial foi a deputada María Ortega, responsábel do departamento de Memoria Histórica.

“Hai que rachar coa repetición do que a ditadura marcou como politicamente correcto”, asegurou Ortega de inicio, afirmando que “aínda hoxe” é preciso analizar “con rigor” ideoloxías non maioritarias porque “en democracia non pode saír caro desconectarse do guión”. Por ese motivo, defendeu estas xornadas que cualificou de "valentes" pola proposta de analizar, en profundidade e con rigor "se, de verdade, todas as ideoloxías e pensamentos teñen a mesma lexitimidade para a nosa sociedade”.  

A experiencia arxentina

O filólogo e analista do programa La Base, Manu Levin, introduciu a través do seu relatorio Las ideas robadas y el relato oficial a súa propia experiencia como fillo dunha familia exiliada arxentina para explicar outro modelo diferente de tratamento da memoria histórica.

“Máis que as condenas e as pensións ás vítimas, o máis importante dese proceso de memoria é o relato oficial que se constrúe na historia e como ese relato afecta o presente e o futuro e as posibilidades políticas e a identidade democrática nacional ou plurinacional nun país”, asegurou. 

Na súa intervención, ademais, salientou que na Arxentina reconstruíuse un relato oficial moi diferente ao que é hexemónico a día de hoxe no Estado español. “Aquí segue estando a idea dos dous demos ou dos dous bandos cando en realidade o que se tentou foi borrar as ideas de esquerda”, afirmou. 

A pluralidade que non foi

A experiencia persoal no franquismo e nos anos que seguiron á morte do ditador estivo presente tamén nunha mesa redonda na que participaron o socialista e masón José Vázquez Fouz, a nacionalista Pilar Allegue e o anarquista Alberte de Esteban.

Baixo o título de Foi plural a democracia?, o público escoitou en directo as vivencias de Vázquez Fouz, que foi testemuña como deputado do golpe de Estado de Tejero, en febreiro de 1981. Após, explicar como funciona a masonaría, cualificou de “blindaxe para a dereita franquista” a Lei de Amnistía de 1977, aínda que  se amosou “satisfeito de vivir agora unha democracia plena”. 

Pilar Allegue, pola súa parte, criticou o proceso de transición que levaron a cabo “os herdeiros do franquismo que co 23-F e a cuartelada conseguiron asentar a monarquía e o bipartidismo”. Levou o seu discurso á actualidade sinalando que “Galiza é un pobo sometido socialmente” que aínda ten “competencias como as do mar en Madrid”.

Por último, Alberte de Esteban recuperou a súa memoria familiar para indicar que o seu pai e a súa nai “eran anarquistas e foron represaliados”. Esas vivencias fixeron que se instalara “o terror, como para non contarme o seu pasado” e mesmo para indicarlle que non se “significara” en política. Porén, coñeceu o anarquismo e mesmo ingresou na Unión do Povo Galego  (UPG) cando vivía en Londres.    

Os 'chanchullos' do Rei

A última intervención desta primeira xornada foi a do xornalista e especialista en servizos segredos, Fernando Rueda, que  puxo sobre a mesa no seu relatorio como tanto Franco como os diferentes gobernos da democracia protexeron ao rei emérito desde a súa aparición en escena na ditadura até a súa "retirada". Alén de explicar os inicios de Juan Carlos con Franco, lembrou o interese do ditador por evitar que no momento da súa morte se instaurase a república e continuase a monarquía. Neste sentido, e a pesares do seu interese en protexelo, Franco –destacou- puxo aos servizos do estado a investigar e espiar a súa figura, xa que quería toda a información sobre el para telo sometido. 

O xornalista sinalou tamén a proximidade da CIA americana que, pola súa banda, coincidía con Franco na súa cruzada para evitar o comunismo no Estado español. Coa democracia, Rueda asegurou que a “fontanería do Estado” traballou no seu beneficio permitíndolle “facer de todo” tanto desde o punto de vista económico como na súa vida sentimental. Segundo o escritor, hai feitos que proban que todos os gobernos da democracia  coñecían os seus ‘chanchullos’ e non fixeron nada por aturalos.

O documental 'La cigüeña de Burgos', unha maneira de procurar a reparación colectiva

A xornada desta sexta feira rematou coa proxección do documental La cigüeña de Burgos, de Jordi Conill. O visionado contou coa presenza da propia realizadora, filla de Jordi Conill, ex vicepresidente da Deputación de Barcelona, torturado e encarcerado en Burgos nos anos 60 pola súa loita contra a ditadura franquista.

O filme naceu do interese de Conill por saber “a verdade” do que lle acontecera ao seu pai  “e atopar camiños de reparación colectiva que acheguen novos escenarios sociais alén do conflito e do trauma”. Comezou como un proxecto en 2014 que conseguiu rematar en 2020. Durante ese período completou os seus estudos de Historia da Arte, Dirección Cinematográfica, Narrativa e Novela ademais dos de Psicoloxía Orientada ao Proceso.

Comentarios