A impunidade do franquismo e a "demonización" de opcións políticas deturpadas pola ditadura, a debate en Pontevedra

A directora de Nós Diario moderará unha das mesas de debate das xornadas.
A deputada de Memoria Histórica, María Ortega. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A deputada de Memoria Histórica, María Ortega. (Foto: Nós Diario)

A deputada de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra, María Ortega, presentou esta segunda feira as IV Xornadas Contra a Impunidade Franquista, organizadas polo departamento de Memoria Histórica da Deputación os vindeiros 11 e 12 de novembro. No evento, baixo o título As ideas furtadas, debaterase sobre a “demonización” de opcións políticas e ideolóxicas deturpadas polo réxime.

“Escollemos as ideas furtadas como tema porque entendemos que o mantemento durante catro décadas de ditadura dun pensamento único fixo que determinadas opcións políticas e ideolóxicas fosen ‘demonizadas’ e chegasen aos nosos días deturpadas polo relato imposto”, explicou Ortega.

A responsábel de Memoria Histórica da institución salientou que “as vítimas non só foron persoas, tamén se represaliaron determinadas ideas como o anarquismo, a masonería, o republicanismo ou os nacionalismos diferentes ao español”. 

As xornadas servirá para enumerar máis polo miúdo estas opcións e analizar até que punto “foron afastadas da actual democracia, ou mal vistas nela, para coñecer se foi total a pluralidade política, e contrapoñer as opcións arrebatadas ás impostas”.

Programa das xornadas

A primeira conferencia tratará sobre a influencia que ten sobre a cidadanía o relato transmitido desde o poder, e como ese relato se pode utilizar para impor un determinado discurso, “sexa ou non real”. O poñente será Manu Levín, filólogo, guionista en 'El Intermedio', e secretario de Discurso e Análisis Político de Podemos.

A continuación decorrerá a mesa redonda Foi plural a democracia?. Tres persoas que viviron a Transición explicarán a súa experiencia; en concreto, o socialista e masón José Vázquez Fouz; a integrante na Transición de opcións minoritarias no nacionalismo de esquerdas Pilar Allegue; e o anarquista Alberte de Esteban.

A xornada continuará coa conferencia Os servicios segredos: ao servizo do rei, a cargo do escritor Fernando Rueda, que falará sobre o papel que tiveron os servizos secretos na ocultación dos escándalos relacionados co rei emérito, tanto na ditadura como na democracia.

Xa o sábado decorrerá unha mesa redonda baixo o título A represión das identidades nacionais. Moderada pola directora de Nós Diario, María Obelleiro, intervirán Aitor Esteban, portavoz do PNV no Congreso; Olaia Rodil, viceportavoz do BNG no Parlamento galego; e Joan Tardá, ex portavoz de ERC no Congreso.

Logo chegará a quenda da conferencia O trauma franquista e a memoria da lingua, a cargo do profesor Carlos Callón. O relatorio de clausura correrá a cargo da profesora Ana-Sofía Ferreira, quen fará unha comparativa sobre as políticas públicas de memoria postas en marcha en Portugal tras a Revolución dos cravos e o tratamento da memoria histórica no Estado español.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios