O Concello de Cariño aproba unha moción para retirar o nome de Manuel Fraga do rueiro municipal
A mesma moción inclúe mudar o nome da rúa Prudencio Landín Carrasco e impulsar o cambio do nome do CEIP Manuel Fraga.
O pleno do Concello de Cariño aprobou esta quinta feira, 6 de febreiro, a moción presentada polo grupo municipal do BNG para cambiar o nome da avenida Manuel Fraga, a rúa Prudencio Landín Carrasco e do CEIP Manuel Fraga, en cumprimento da Lei de Memoria Democrática.
A moción saíu adiante sen ningún voto en contra: seis votos a favor, BNG (3) e PSOE (3); 4 abstencións, PP (non asistiu unha concelleira). O PP, que goberna en minoría, facilitou, un ano despois de rexeitar a mesma iniciativa nacionalista, un acordo para garantir o cambio de nome da avenida Manuel Fraga e da rúa Landín Carrasco.
O texto aprobado inclúe instar a alcaldesa, Ana María López Fernández, a que comunique á comunidade educativa do CEIP Manuel Fraga a opinión favorábel do Pleno da Corporación de Cariño para que o cambio de nome do colexio sexa estudado polo consello escolar e, se o estima necesario, propoñer un nome alternativo.
Segundo recolle a moción, ese debate necesario e a proposta dunha denominación alternativa "permitiría a súa aprobación polo Pleno e o posterior envío do acordo á Consellería de Educación da Xunta da Galiza" para a súa confirmación definitiva.
Consello de Memoria Democrática
A proposta do grupo municipal do PSdeG, aprobouse un texto ampliado, unha emenda de adición que inclúe a creación do Consello de Memoria Democrática do Concello de Cariño, "un ente consultivo de ámbito municipal con capacidade para valorar opinións, que informará, asesorará a fará propostas non vinculantes" ao Goberno local en matei a de Memoria Democrática, "para que poidan ser debatidas e votadas, se procede, nos seus plenos municipais".
Desta forma, PP, BNG e PSdeG abren agora un período de negociación para impulsar o cambio definitivo da avenida Manuel Fraga e da rúa Landín Carrasco. "Queremos que esa mudanza sexa por consenso", explica a Nós Diario Carlos Castro, concelleiro do BNG en Cariño e promotor da moción. "Canto antes esperamos poder xuntarnos e comezar a debater a mellor forma de culminar os cambios de nome. Imaxino que cada grupo achegará as súas propostas, pero teremos que ver tamén se involucramos a veciñanza nesa escolla", sinala, en referencia a posta en marcha dun proceso aberto no que a cidadanía faga parte da elección final.
Mentres tanto, o Bloque xa traballan en dúas vías, unha primeira ligada á toponimia orixinal, que recupere os nomes de lugar cos que a veciñanza sempre se referiu ás rúas que acabaron por levar apelidos de dous dirixintes franquistas, e unha segunda máis apegada ao pasado industrial do municipio, en particular, o conserveiro, no que as mulleres sempre desenvolveron un papel moi activo.
Pero máis aló da escolla última, desde o BNG de Cariño celebran a aprobación da moción e tamén que este concello do Ortegal se sume a outros moitos que nos últimos anos veñen retirando dos seus rueiros municipais e dos libros de honras, distincións que a Lei de Memoria Democrática urxe revogar.
"Franquismo fóra da Galiza"
En 2018, o Colectivo de Presas e Presos Políticos e Políticas da Galiza na ditadura promoveu o manifesto "Non queremos o 'camarada Fraga' como Fillo Adoptivo", no marco dunha campaña máis ampla que aínda reivindican baixo o lema "Franquismo fóra da Galiza".
Resultado desta iniciativa, o 25 de abril de 2019 o Pleno de Ferrol (cos votos a favor de Ferrol en Común, PSOE e BNG) aprobou retirarlle a Manuel Fraga a distinción de Fillo Adoptivo de Ferrol, que tiña desde 1965.
O Pleno de Cedeira, alcaldía do PSOE, cos votos a favor de PSOE e BNG aprobou cambiar a rúa Manuel Fraga por Fraternidade. E o Pleno de outubro de 2020 acordou retirar a Manuel Fraga e outros ministros da ditadura a distinción de Fillo Adoptivo de Cedeira.
O Pleno da Coruña do 6 de maio de 2019 tamén acordou iniciar o expediente para retirarlle a Manuel Fraga a distinción de Fillo adoptivo da Coruña, que ten desde o 24 de decembro de 1968.
Fraga e Landín Carrasco
Segundo recolle manifesto "Non queremos o 'camarada Fraga' como Fillo Adoptivo" a modo de breve biografía "non autorizada", "Manuel Fraga tivo unha traxectoria de máis de 35 anos de militancia franquista ou fascista. Afiliouse moi novo a Falanxe, en 1937 e foi militante e delegado de curso do SEU (Sindicato Español Universitario de Falange Española). Ocupou desde 1951 numerosos cargos políticos na ditadura: foi conselleiro nacional do Movemento, presidente do Instituto de Estudos Políticos e procurador das Cortes franquistas, cargo que ocupou durante varias lexislaturas. Foi tamén membro do Consello de Estado e ministro de Franco".
Prudencio Landín Carrasco ocupou numerosos cargos, sempre ao servizo da ditadura: alcalde de Pontevedra (1957-1959), presidente da Deputación de Pontevedra (1959-1963), procurador nas Cortes franquistas (1957-1963), gobernador civil de Guadalaxara (1963-1964), gobernador civil de Córdoba (1964-1968) e gobernador civil da Coruña (1968-1972).

