Piden retirar o busto de Fraga da alameda de Vilalba por “incumprir” a lei de memoria histórica

O BNG de Vilalba (A Terra Chá) solicita retirar símbolos franquistas na localidade

Busto de Manuel Fraga situado na alameda de Vilalba. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Busto de Manuel Fraga situado na alameda de Vilalba. (Foto: Nós Diario)

O BNG de Vilalba presentou unha moción, que asina o seu concelleiro Constantino Alvite, na que, en aplicación da Lei de memoria democrática sobre símbolos e elementos contrarios á memoria, pide, entre outras cuestións, retirar o busto de Fraga da alameda vilalbesa e cambiar a denominación da cidade cultural que leva nome do que foi ministro franquista e logo presidente da Xunta durante 16 anos.

Na moción, para o seu debate no pleno desta quinta feira, lembra que o artigo 35 da lei de memoria democrática recolle que se consideran elementos contrarios á memoria democrática as "edificacións, escudos, insignias, placas e calquera outro elemento ou obxecto" que estean ancorados a edificios públicos nos que se realicen mencións persoais ou colectivas á sublevación militar da ditadura, dos seus dirixentes, participantes no sistema represivo ou das organizacións que sustentaron a ditadura.”

Así, e dado que inclúe desde mobiliario urbano a nomenclaturas, o BNG pide que se retire e/ou elimine, ademais do busto dedicado a Manuel Fraga Iribarne, a placa situada na parte exterior dunha das paredes da igrexa de Sancovade, o monumento situado no cemiterio de Goiriz, o monumento situado diante do cemiterio de Alba, a denominación da Cidade Cultural Manuel Fraga Iribarne e a denominación da rúa Luis González Valdesuso.

Tamén en Cambados

Manuel Fraga tamén tiña unha estatua en Cambados (O Salnés), situada nos xardíns do Pazo de Torrado. Con todo, esta foi retirada xa en 2017 por mandato do Goberno local, na altura formado por PSdeG, BNG, Somos Cambados e Cambados Pode.

Vestido coa capa de comendador da Orde do Albariño e copa en man, o Partido Popular xustificou daquela a intención de destacar o “apoio” de Fraga ao sector vitivinícola da localidade.

 

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios