Manuel Monge, vítima do franquismo, recorre ao Defensor do Pobo para demandar a retirada das 'cruces dos caídos'

No caso concreto de Vigo e a cruz do Castro, a pesar dunha denuncia presentada hai anos, os tribunais acabaron por dar a razón ao Concello na súa decisión de non retirar ese símbolo.
Cruz franquista situada no monte do Castro de Vigo. (Foto: Liliya Trott)
photo_camera Cruz franquista situada no monte do Castro de Vigo. (Foto: Liliya Trott)

O ex concelleiro do BNG e ex presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, Manuel Monge, rexistrou esta quinta feira un escrito dirixido ao Defensor do Pobo, Ángel Gabilondo, no que lle solicita que inste os concellos de Vigo, Neda (Ferrolterra) e Dueñas (Palencia, Castela e León) a retirar as 'cruces dos caídos' nestes municipios, en cumprimento da lei de memoria. Na súa petición, na que se presenta como vítima do franquismo e familiar de varios represaliados, solicita a Gabilondo que se dirixa a estes tres concellos, todos eles gobernados polo PSOE, e exixa a retirarada deses símbolos que, ao seu xuízo, manteñen o significado que se lles atribuíu cando foron construídos.

Tras pór o exemplo de varios concellos que foron requiridos para retirar ese tipo de cruces, Monge lembrou que o propio presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, dirixiu unha carta á súa familia —en resposta a unha misiva anterior— na que sinalaba que a nova Lei de Memoria Democrática "ilegaliza todas as manifestacións públicas de exaltación ao franquismo, desde monumentos e placas ata topónimos e nomes de vías públicas", e que as administracións e particulares que non o cumpran serán obxecto de sanción.

Así as cousas, pide ao Defensor do Pobo que inste os concellos de Vigo, Neda e Donas a adoptar as medidas pertinentes, nun prazo de tres meses, para retirar as cruces, e tamén que inste a Sánchez, como secretario xeral do PSOE, a tomar medidas ao tratarse de municipios gobernados polo seu partido.

No caso concreto de Vigo e a cruz do Castro, a pesar dunha denuncia presentada hai anos, os tribunais acabaron por dar a razón ao Concello na súa decisión de non retirar ese símbolo. O consistorio, dirixido por Abel Caballero, sostén que a cruz perdeu o significado orixinal e é só un símbolo relixioso, despois de que o pleno municipal acordase en 1981 a súa "resignificación" e puxese unha inscrición: 'Polos mortos da Guerra Civil 1936-1939'.

Monge, porén, matiza que a cruz franquista do Parque Ribalta de Castelló foi retirada por un goberno local do PSOE, despois de varios anos de contenciosos, e iso a pesar de que tamén se substituíu o texto da placa en 1979 para eliminar a referencia aos "caídos por Deus e por España". Por iso mantén que tamén debe retirarse a Vigo.

E en Neda, explicou que o BNG presentou unha moción en novembro de 2022 para pedir a retirada da cruz franquista na Toeleira, moción que foi emendada polo PSOE e, finalmente, o que se aprobou foi tomar medidas de "resignificación" para que o monumento fomente "a concordia", de acordo "á dignidade de todas as vítimas". A día de hoxe, denunciou Manuel Monge, segue sen eliminarse ese "vestixio franquista".

Finalmente, no caso de Dueñas, o sociólogo fai referencia ao asasinato por parte dos fascistas de 125 persoas, entre elas, varios membros da súa familia. A súa familia reclamou ao Goberno local a retirada da cruz construída en 1941 en recordo dos "caídos" na "cruzada de liberación" e, tras non ser atendida a súa petición, puxo os feitos en coñecemento do Goberno de España —na carta remitida a Pedro Sánchez—.

Monge urxiu ao Goberno de Dueñas á retirada e alertou da "campaña" de PP e Vox en Castela e León para "conservar simboloxía franquista converténdoa en Ben de Interese Cultural". E lamentou que o alcalde deste municipio palentino respondese á súa demanda alegando que "alguén" tería que dicirlle que está "a incumprir a lei" e, aínda que a Subdelegación do Goberno español trasladou a obriga ao concello, a cruz segue en pé.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios