Unha longametraxe documental recuperará a Xeración Perdida do 36

O estudo realizado polo Grupo de Investigación Hispona da Universidade de Santiago (USC) para a Deputación da Coruña servirá de base para unha obra audiovisual que se comezará a gravar en marzo.
Manifestación en Betanzos o 15 de abril de 1931 para celebrar a proclamación da II República.  (Foto: Arquivo Ricardo Migal Naveira)
photo_camera Manifestación en Betanzos o 15 de abril de 1931 para celebrar a proclamación da II República. (Foto: Arquivo Ricardo Migal Naveira)

O traballo de documentación 'Xeración Perdida do 36' realizado polo Grupo de Investigación Hispona da Universidade de Santiago (USC) sobre a represión, fuxida e a execución de centos de galegas e galegos como consecuencia do alzamento militar de 1936, contará cun documental. 

O 28 de xullo de 2016 a Deputación da Coruña rendía  homenaxe ás corporacións democráticas represaliadas despois do golpe militar de 1936. Naquel primeiro acto de recoñecemento, a institución elaborou unha listaxe inicial con alcaldesas e alcaldes asasinados cando estaban en exercicio do seu cargo.

Para a preparación daquel evento consultáronse varias persoas  expertas en investigación histórica que botaron en falta unha listaxe máis completa de concelleiras e concelleiros que padeceran a represión e mesmo das corporacións que estaban en activo naquel verán de 1936. 

A institución provincial, daquela, promoveu a realización dunha investigación en profundidade que complementara e actualizara a información sobre ese tema que se lle encargou a Grupo Hispona da USC.

A Xeración Perdida do 36

Baixo a coordinación do profesor Emilio Grandío, realizaron ese estudo unha equipa de investigación formada por membros e colaboradores externos do grupo na que participaron Eliseo Fernández Fernánez, Alfonso Iglesias Amorín, Rosalía Regueiro Méndez e Manuel Pérez Lorenzo.

Os obxectivos xerais do proxecto foron ampliar o coñecemento existente sobre os concellos das comarcas da Coruña na fase final da II República; retratar a vida política dos concellos na última etapa do período republicano; e recuperar a memoria das corporacións democráticas derrocadas polo golpe militar de 1936. O traballo publicouse en 2018 e púxose a disposición pública a través da propia web da Deputación da Coruña. 

O documental

Agora, o proxecto contará tamén cunha longametraxe documental dirixida polo realizador  Xosé Antón Moure e producida por Fílmika Galaika, que plasmará en imaxes a historia do libro. O proxecto presentarase o 15 de febreiro ás 19.30h no Salón de Actos da Biblioteca Ánxel Casal e comezará a rodaxe no vindeiro mes de marzo en diferentes localidades das comarcas da Coruña. O documental realizará un percorrido  destacando figuras relevantes desta Xeración Perdida, como Ánxel Casal, Bríxida Muñiz ou Alfredo Suárez Ferrín.

Comentarios