Centos homenaxean en Ribadeo @s represaliad@s polo franquismo

Nun Cantón dos Morenos ateigado por volta de 400 persoas o BNG da Mariña lembrou e homenaxeou ás 152 persoas represaliadas polo franquismo após o golpe de estado de 1936. "É hora de mudar a historia" afirmou o responsábel local da organización frontista, Marcos Loureiro

photo_camera Imaxes da homenaxe desenvolvida en Ribadeo

"Alfaro Pérez, Juan, Alonso Álvarez, César, Alonso Fernández, José María, Alonso Lastra, Rosalía, Álvarez López, Marcelino, Álvarez Martínez, Dominica...". Un a un o responsábel local do BNG de Ribadeo, Marcos Loureiro, deu leitura aos 152 nomes d@s represaliad@s polo franquismo na localidade mariñá. "Homes e mulleres",dixo, que representan "os nomes da liberdade",daquel@s que "padeceron a represión por defenderen a causa da democracia e das liberdades republicanas". 

Nunha praza onde se amoreaban multitude de familiares das vítimas do fascismo, a organización frontista conmemorou o Día da Galiza Mártir rendendo homenaxe ás súas protagonistas, persoas anónimas --outras non tanto-- que combateron o levantamento militar e loitaron polos dereitos e liberdades durante a 'longa noite de pedra'. 

"É hora de mudar a historia" aseverou Loureiro, e de dar voz "@s vencid@s" pois, afirmou, "cando entran en conflito as memorias dos vencidos e as dos vencedores, por definición, sempre trunfan as destes últimos”. 

No acto, onde tamén participou o alcalde de Ribadeo, a agrupación local do BNG amosou o seu recoñecemento @s represaliadas como un xesto de "recuperación e restitución das súas figuras, pago da débeda que a sociedade actual ten contraída con eles", subliñou o rexedor nacionalista, Fernando Suárez. 

De maneira simbólica, @s nacionalistas descubriron unha praca na súa honra para que "o exemplo dos que hoxe homenaxeamos", sinalou a responsábel comarcal do BNG, Ana Ermida, "nos dea folgos" para continuar coa súa loita e devolverlle, dixo, "o poder ao pobo" como exemplo "de compromiso e lealdade cos nosos homes e mulleres do 36", sentenciou. 

Ana Ermida, exixiu na súa intervención a demisión do alcalde de Baralla após as súas declaracións no pleno municipal do pasado 26 de xullo onde asegurou que "os condenados a morte" polo franquismo "algo farían". Para Ermida, estas afirmacións amosan "a cumplicidade do PP co franquismo" polo que González Capón "non pode seguir nin un minuto máis na política". "Definitivamente o PP non quere romper co franquismo e cada minuto no que continúan atrincheirados no silencio dan por bo as palabras do Alcalde de Baralla", denunciou a responsábel comarcal do BNG. 

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios