VÍDEO

Cantar a nación: a cultura de base celebra os 116 anos da estrea solemne do Himno galego

A Coruña, Arzúa, Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo acolleron esta cuarta feira actos de conmemoración do 116 aniversario da estrea solemne do Himno galego na Habana, promovidos por Vía Galega e a Federación Galiza Cultura, nos que se 'Cantou á nación' co texto fidedigno creado por Eduardo Pondal.
De esquerda a dereita, actos onte na Coruña, Arzúa, Compostela, Lugo, Ferrol, Ourense, Pontevedra e Vigo. (Fotos: Nós Diario)
photo_camera De esquerda a dereita, actos onte na Coruña, Arzúa, Compostela, Lugo, Ferrol, Ourense, Pontevedra e Vigo. (Fotos: Nós Diario)

Varios centos de persoas tiveron esta cuarta feira a oportunidade de escoitar a versión restaurada do Himno galego, de acordo co texto fidedigno creado por Eduardo Pondal. Baixo o título de "Cantar a nación", actos conmemorativos e solemnes convocados pola federación de asociacións culturais Galiza Cultura e por Vía Galega e decorridos na Coruña, Arzúa (comarca homónima), Compostela, Lugo, Ferrol, Ourense, Pontevedra e Vigo celebraron o aniversario da estrea institucional do Himno galego, que tivo lugar o 20 de decembro de 1907, hai 116 anos, no Gran Teatro da Habana. 

"A acollida que tiveron todos os actos no seu conxunto foi moi positiva", valora a Nós Diario Anxo Louzao, portavoz de Vía Galega. "As homenaxes de hoxe [por esta cuarta feira] foron un elemento máis para continuar na procura de restaurar o noso Himno definitivamente", engade.

Acto en Compostela, onde ficou pequeno o auditorio. (Foto Nós Diario)
Acto en Compostela, onde o teatro Principal ficou pequeno. (Foto: Nós Diario)

Para tan especial efeméride, contaron coa participación dos máis representativos grupos corais destas vilas e cidades, entre os cales figuraron tres dos catro coros históricos da Galiza: Cántigas da Terra, da Coruña; Cantigas e Agarimos, de Compostela; e Cántigas e Frores, de Lugo. Así, coros con máis de cen anos de historia xuntáronse esta cuarta feira con agrupacións máis modernas para cantar, xuntas e de maneira solemne, a versión restituída do texto escrito por Pondal. Unha mostra do traballo que estas entidades realizan pola recuperación do espazo que lle é propio á cultura galega no país, no uso normal do noso idioma e na interrelación entre as distintas disciplinas culturais.

Así, para moitos deles participar nas homenaxes decorridas esta cuarta feira é "o lóxico". E nesta liña manifestouse Laura Veleiro, presidenta de Cántigas da Terra, que vén de sumar 107 anos de historia e que interpretou hoxe o Himno galego na Coruña. "Para nós é unha honra participar nesta homenaxe", afirma Veleiro en declaracións a Nós Diario.  

Acto na Coruña. (Foto: Nós Diario)
Acto na Coruña. (Foto: Nós Diario)

Da mesma maneira mostrouse Lucía Carreira, presidenta da Asociación Solfa, cuxo coro participou esta cuarta feira da homenaxe decorrida en Compostela, xunto ao Coro Crecente e a Cantigas e Agarimos. "Cando Galiza Cultura e Vía Galega nos ofreceron participar nesta homenaxe ficamos contentísimos", declara a este xornal. De feito, para Solfa foi tamén un orgullo "pór o noso gran de area para conseguir que o Himno galego se restaure" porque, tendo coñecemento dos traballos do catedrático da UDC Manuel Ferreiro, este coro compostelán xa canta, desde hai máis de cinco anos, o Himno galego co texto escrito orixinalmente por  Eduardo Pondal. 

Pola súa parte, Xaquín Xesteira, director do coro histórico Cantigas e Agarimos, afirmou a Nós Diario que "facer parte dun acto deste tipo é toda unha honra e un recoñecemento a que a nosa formación gardou durante moitos anos o testemuño da música tradicional no noso país". "Cantigas e Agarimos tamén quere participar desta xusta reivindicación que é restaurar o himno", engade.  

A Habana, 1907

A maioría dos países europeos crearon os seus himnos a partir de mediados do século XIX e Galiza non estivo á marxe deste movemento. De entre todas as propostas xurdidas foi a de 1890, coa música de Pascual Veiga e o texto de Eduardo Pondal, a que se consolidou como himno de todas as galegas e galegos. 

Acto en Arzúa. (Foto Nós Diario)
Acto en Arzúa. (Foto: Nós Diario)

O da Galiza, ao igual que outros himnos nacionais, nace a partir dun certame convocado con este propósito polo propio Pascual Veiga para premiar a mellor marcha para orfeón. Veiga encárgalle a Pondal un texto que poida ser "cantado en toda a Galiza co entusiasmo que esperta no ánimo o sentimento de patria". Para este texto, composto polas catro primeiras estrofas do poema "Os Pinos", Pascual Veiga compuxo a música que tivo a súa primeira interpretación institucional e solemne como Himno galego o día 20 de decembro de 1907 na Habana.

O Himno galego foi difundido en diversos medios escritos cubanos, retornando á Galiza por volta de 1910 con diferentes erros textuais derivados da súa difusión fóra do país e que seguen presentes a día de hoxe. Estes erros chegaron incluso ao texto do Himno galego da Lei de Símbolos da Galiza, aprobada polo Parlamento galego en 1984. 

A investigación do máximo especialista do himno e da obra de Pondal, o catedrático da UDC Manuel Ferreiro, demostrou hai máis de 30 anos estas alteracións que se foron transmitindo no himno. Uns erros que son alleos ao texto orixinal e á vontade do autor. 

A pesar das repetidas iniciativas presentadas na Cámara galega, e despois de case 40 anos da promulgación da Lei de Símbolos da Galiza, o texto do Himno galego continúa sen estar restaurado. 

Actitude "impresentábel"

O último intento foi precisamente a presentación e o debate, o 26 de setembro deste mesmo ano, no Parlamento da "Proposición de lei de Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) para a restauración do texto fidedigno do Himno galego e a súa difusión", promovida tamén por Vía Galega e Galiza Cultura. A ILP foi avalada por perto de 16.000 persoas e, non obstante, foi rexeitada cos votos en contra de PP e PSOE, e só contou cos votos a favor do BNG.  

"En certa medida, as homenaxes decorridas hoxe son tamén unha chamada de atención aos grupos políticos que rexeitaron aprobar a ILP", aclara a Nós Diario Anxo Louzao. "É impresentábel e inxustificábel a actitude que tiveron no momento", engade, referindo que a postura de ambos os grupos políticos non estaba fundamentada en ningunha proposta que cuestionase as correccións documentadas e académicas expostas na ILP debatida. 

Acto en Vigo. (Foto Nós Diario)
Acto en Vigo. (Foto: Nós Diario)

Daquel pleno parlamentario saíu unha Comisión para estudar a restitución do texto, "unha Comisión que aínda non ten folla de ruta", di Louzao. De feito, "e ao igual que xa aconteceu en 1996", todo indica que coa inminente convocatoria das eleccións galegas virá a disolución do Parlamento e desta Comisión de estudo, co cal todo o traballo que hai detrás desta ILP ficará en auga de castañas

Alén de votar en contra da iniciativa lexislativa popular, para Louzao é "inxustificábel" que o propio PP desde a Xunta "nin se lembrara de mencionar unha efeméride tan importante". 

Integridade, propagación e restauración

"Agardamos que a elevada participación nestes actos sirva como punto de inflexión na actitude da Xunta da Galiza en relación á nosa simboloxía, para que o noso himno sexa un elemento prioritario de coñecemento e de popularización no seo da sociedade galega, nomeadamente no ensino e nos medios públicos",  explica Louzao. 

Que se interprete o texto integramente, que se propague entre a sociedade e que se restaure. Estes son os tres obxectivos fixados inicialmente por Vía Galega e pola Federación Galiza Cultura no desenvolvemento desta campaña de popularización dos símbolos galegos, quen incluíu os actos decorridos hoxe baixo o lema "Cantar a nación". 

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios