Parlamento

Constituída a comisión para o estudo da corrección do Himno: estas son as deturpacións

O Parlamento, cos votos do PP e do PSOE, rexeitou a proposición de lei de ILP que impulsaba a corrección da letra do Himno para restaurar a versión do poema que escribiu Eduardo Pondal.
Borja Verea, Susana López Abella e Mercedes Queixas, no Parlamento. (Foto: Europa Press)
photo_camera Borja Verea, Susana López Abella e Mercedes Queixas, no Parlamento. (Foto: Europa Press)

A deputada do PP Susana López Abella presidirá a comisión non permanente especial de estudo sobre a posíbel modificación da letra do Himno da Galiza. O tamén popular Borja Verea será o vicepresidente da comisión e a nacionalista Mercedes Queixas exercerá de secretaria, todos eles elixidos con consenso de todos os grupos parlamentarios —PP, BNG e PSdeG—. O presidente da Cámara, Miguel Santalices, dirixiu a constitución desta comisión parlamentaria na que se escolleu a mesa que debe dirixir os debates no tempo de desconto da lexislatura.

A intención é convocar este órgano reitor da comisión a próxima semana para activar o proceso para debater as normas de funcionamento e, posteriormente, presentar o plan de traballo que permita arrincar os traballos propiamente ditos. Os grupos parlamentarios rexistraron o pasado 17 de outubro a petición conxunta a través dos seus portavoces para a constitución desta comisión.

Esta iniciativa chegou despois de que o pasado mes de setembro o pleno do Parlamento, cos votos do PP e do PSOE, rexeitase a proposición de lei de iniciativa lexislativa popular que impulsaba a corrección da letra do Himno para restaurar a versión do poema que escribiu Eduardo Pondal, como el mesmo expresara nunha misiva do 11 de xaneiro de 1913 —cando xa estaba afectado de cegueira e non puido precisar máis detalles sobre os erros que se produciron na impresión do poema na Habana—.

Populares e socialistas estimaron nese debate parlamentario que a proposta defendida polo catedrático da Universidade da Coruña Manuel Ferreiro, o maior estudoso de Pondal cunha decena de libros publicados, debía ser obxecto de estudo máis sosegado no Parlamento e que o adecuado era abrir unha comisión ad hoc. O portavoz popular, Alberto Pazos Couñago, ofreceuna nese mesmo momento aos demais grupos, pero pasou case un mes ata este rexistro conxunto por parte dos tres grupos, que ten o seu precedente na Lei do Panteón de Galegos Ilustres.

Finalmente, Pazos (PP), Ana Pontón (BNG) e Luís Álvarez (PSdeG) rexistraron a petición conxunta para crear esta comisión de estudo, na que se analizará o achado desta carta —como novidade con respecto aos anteriores intentos parlamentarios que xa houbo neste sentido (nos anos 90 do século pasado e neste século)—.

Texto rexeitado

A iniciativa lexislativa que se debateu o 26 de setembro, que chegou avalada por 16.000 sinaturas, non foi o primeiro intento que leva a cabo para tratar de acomodar o texto legal á orixinalidade do poema escrito por Eduardo Pondal desde 1996, xa que tamén se tentou en 2002 e no curso 2017-2018. Na exposición de motivos faise referencia a castellanismos e 'hiperenxebrismos' —hipergaleguismos— como rouco/rouco ou iñorantes —escribiuse ignorantes, na forma orixinal—, así como a deturpación da expresión orixinal por un "proceso de banalización textual, pasando de 'clan' —pobo— a 'chan'.

O propio Eduardo Pondal "era consciente destas deturpacións textuais" cando nunha carta do 11 de xaneiro de 1913 advirte que "o texto contén non poucas erratas", pero "infelizmente o estado de saúde de Pondal non permitiu a actuación correctora e restauradora", pola súa práctica cegueira.

A proposición de lei rexeitada incluía catro artigos, o primeiro deles, para modificar o artigo 4 da Lei 5/1984 de símbolos da Galiza para fixar a letra do himno nas catro primeiras estrofas. Tamén se inclúe outra modificación, neste caso da disposición adicional terceira desta mesma lei para incluír o texto completo que se corresponde co himno, incluíndo esas modificacións.

A iniciativa lexislativa popular tamén apostaba nun terceiro artigo por que a Xunta faga cumprir a todas as institucións e sociedades públicas delas dependentes, como a radio e a TVG, a "reprodución, canto e interpretación completa" do himno.

Finalmente, reclamaba que a Xunta faga unha edición popular da letra restaurada conforme ao texto Os Pinos creado por Eduardo Pondal, xunto coa partitura do himno, co obxectivo de distribuílo, divulgalo e popularizalo de forma masiva na sociedade galega, singularmente, en todos os centros educativos, agrupacións musicais e corais, bandas de música, entidades deportivas, asociacións culturais ou calquera outra entidade cívica. Agora levará a documentación a unha comisión especial de estudo para dirimir os posíbeis cambios para axustalo á orixinalidade.

Comentarios