Os centros de reclusión na Galiza franquista

O campo de concentración de Cedeira

Semella que non existiron pero foron o centro de detención para milleiros de presos políticos. Malia a avultada rede de campos de concentración operativos na Galiza do primeiro franquismo, a súa existencia é descoñecida para a maioría da poboación galega convencida, as máis das veces, de que instalacións deste tipo eran privativas da Alemaña nazi ou da Italia fascista.

Monólito en lembranza das persoas mortas no campo de concentración de Cedeira.
(Foto: Nós Diario)
photo_camera Monólito en lembranza das persoas mortas no campo de concentración de Cedeira. (Foto: Nós Diario)

Os campos de concentración, unha modalidade de reclusión posta en marcha por primeira vez polos españois na illa de Cuba durante as loitas que precederon a súa independencia e que posteriormente foron exportadas por outras potencias europeas as súas posesións coloniais, poboaron a paisaxe galega durante practicamente sete anos.

Andes, Ortiguera e Arnao nas Terras do Eo-Navia, Ribadeo, Cedeira, Ferrol, Muros, A Coruña, Compostela, A Pobra, Rianxo, Padrón, Figueirido, San Simón, Oia, Camposancos, Oseira foron algunhas das localidades galegas onde o franquismo instalou estes centro de detención.

A súa posta en funcionamento respondeu as necesidades de centro de internamento onde recluír aos opositores políticos, derivados da lóxica represiva instaurada polo franquismo e da propia lóxica do conflito bélico, moi particularmente tras a caída da fronte norte e posteriormente da derrota definitiva do exercito popular. 

Cedeira

O campo de concentración de Cedeira, un dos que mellor coñecemos polos traballos pioneiros de Xosé Manuel Súarez, entrou en funcionamento a finais do verán ou comezos de outono de 1937, situándose  a carón da praia da Magdalen ,en tres vellas naves dunha conserveira, propiedade do falanxista cedeirés Manuel Soto.

O recinto, a escasos cen metros do núcleo da vila e rodeado  por un valado de catro arames de espiño, estaba formado por uns barracóns de manpostería con tellado de tellas e chan de cemento cuberto de pallas que servía de leito aos presos. A garda do centro era partillada por soldados e por dúas ducias de milicianos falanxistas, responsábeis da vixilancia interior do recinto e que en colaboración con outros paramilitares, algúns deles procedentes de Asturias, participaron en diferentes paseos contra reclusos do mesmo.

A praia de Vilarube, no veciño concello de Valdoviño, foi o lugar escollido para o asasinato de varios dos detidos porén a día de hoxe non se ten atopado ningunha fosa na zona onde poidan atoparse estes cadáveres.

Un importante continxente de presos

O número de presos confinados en Cedeira en 1937 chegou a 369, acadando o 724 en marzo de 1938 e contando con 28 no mes de agosto, pouco antes do seu feche definitivo. A maioría dos detidos procederon de Asturias, 68% do total no primeiro ano de funcionamento, seguíndoos os galegos.

A composición social dos internos era de extracción popular, maiormente labregos e mariñeiros, abranguendo unha ampla abano de idades, se ben arredor de 67 % estaba formado por persoas entre 16 e os 30 anos. 

As condicións de vida no campo de concentración de Cedeira eran penosas. Unha mala alimentación, o frío, a ausencia de condicións hixiénicas mínimas, as necesidades facíanse na praia e a auga para o aseo procedía dun rego que cruzaba o recinto, ou a auga para beber, procedente dun alxibe móbil situada enriba dun carro do país  son exemplos de abondo ilustrativos do día a dia dos detidos.

Comentarios