O inmóbel foi rehabilitado por presos políticos

O mosteiro de Oseira, un campo de concentración franquista

A historia recente do mosteiro de Oseira está marcada polo sufrimento dos máis. A mediados de abril de 1909 a Garda Civil abriu fogo contra centos de veciños que se opuxeron ao espolio da edificación deixando nove persoas mortas. 25 anos máis tarde o mosteiro rematou convertido nun campo de concentración polo franquismo, cuxos prisioneiros foron obrigados a rehabilitar o espazo.

Oseira
photo_camera Presos políticos de Oseira visitados polos seus familiares. (Foto: Arquivo David Simón)

A memoria do campo de concentración de Oseira continúa agochada. Se alguén acode a visitar o mosteiro non atopará ningunha referencia a este pasado de dor nin ninguén lle achegará unha explicación sobre a súa reconstrución por presos políticos confinados no mesmo após o golpe militar fascista de xullo de 1936. Precisamente este continxente humano, rescatado para moitos de nós polas investigacións de David Simón, foi obrigado a recuperar este espazo após practicamente 90 anos de abandono e atoparse nun estado de ruína técnica. 

Os primeiros presos políticos chegaron ao mosteiro de Oseira en agosto de 1936. Non é doado precisar con exactitude o número de persoas confinadas neste centro de reclusión nos anos que permaneceu aberto, porén, segundo os dados fornecidos por Xulio Prada e Domingo Teixeiro, “as opinión máis conservadoras e repetidas falan de que a cifra habitual de reclusos movíase arredor de 200”. Así e todo, os mesmos autores sinalan que algunhas testemuñas dos propios retidos elevan o número até 700, ampliando aínda máis o historiador e preso político en Oseira Alberte Vilanova.

A rehabilitación dun complexo en ruínas

O campo de concentración de Oseira orientouse desde a súa orixe á execución das obras de rehabilitación do antigo mosteiro. Malia a que nun primeiro momento empregouse como lugar de confinamento dos presos gobernativos, ao atoparse colapsada a capacidade doutros centros de detención, como a propia prisión provincial ou o mosteiro de Celanova, a partir do mes de agosto de 1936 comezaron a destinarse a Oseira a persoas con coñecementos e experiencia na construción.

A grande maioría dos reclusos ocupáronse como peóns, fóra ou non esta a súa actividade laboral anterior, porén a dirección do campo, en mans dos relixiosos, seleccionou persoas con cualificación profesional, demandando albaneis, canteiros, ferreiros ou carpinteiros.     

Un exemplo disto foi Modesto Gallego, presidente da Sociedade agraria de Barbadás e antigo funcionario de obras públicas, destinado á Oseira en novembro de 1936 desde o presidio de Celanova polas “súas capacidades como ferreiro”. Precisamente a función outorgada a este campo de concentración explica que a practica totalidade dos detidos que pasaron por el foran galegos.

“Un verdadeiro inferno”

A condición de vida dos presos políticos en Oseira non escapou á dureza que caracterizou a estes centros de detención. Se ben a presenza dos monxes do Císter, que rexían de facto o campo de concentración e dirixían as obras de rehabilitación, puido minguar nalgún caso o rigor represivo, outros testemuños da época, neste caso a publicación antifascista Nova Galiza no seu número de setembro de 1937, non dubidou en cualificalo como “un verdadeiro inferno”.

O réxime diario do campo de concentración de Oseira respondeu as necesidades dos traballos de rehabilitación do mosteiro, non dubidando en afirmar a Hoja de Lunes de Vigo o 1 de marzo de 1937, que “bastantes obreiros renden alí a diario o froito do seu traballo e amósanse agradecidos e contentos polo trato e a consideración recibidas”.

As visitas das xerarquías do réxime foron habituais a este centro de detención, sinalándose as de Carme Polo, muller de Franco, ou Pilar Primo de Rivera, xefa da sección feminina de FE, así como os actos de exaltación falanxista, coa vontade clara de humillar e dobrar aos demócratas detidos.

Oseira non foi unha excepción. Outros inmóbeis propiedade da igrexa foron arranxados por presos políticos na diocese ourensá, sinalándose entre estes a catedral de Ourense, o seminario de Ervedelo ou mosteiro de San Clodio en Leiro, convertido, támen, como campo de concentración en 1939.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios