mércores 20/01/21

Os camiños cara a unha Casa Cornide de dominio público

Os Franco poden vendela, mais quen a adquirise ficaría desprotexido
Imaxe da última protesta ante a Cornide. (Foto: Xoán Roberes)
Imaxe da última protesta ante a Cornide. (Foto: Xoán Roberes)

O domingo 27 de decembro unha nova concentración tivo lugar fronte á Casa Cornide, no casco histórico coruñés. A xunta directiva do colectivo Defensa do Común tomou a decisión de exixir á familia Franco que restitúa este inmóbel ao dominio público logo de que a veciñanza da área advertise da retirada de móbeis do edificio.

"A familia Franco non ignora que a condición de Ben de Interese Cultural (BIC) dificulta a venda do inmóbel, así como a prohibición de retirar calquera obxecto sen a previa autorización", lembrou Defensa do Común, sinalando un informe xurídico da Universidade da Coruña que avala a decisión avanzada polo consistorio coruñés de iniciar accións legais para que a Casa Cornide, como Meirás, regrese ao pobo. 

A venda e baleirado

O pasado verán os herdeiros do ditador puxeron á venda o inmóbel. Nada o impide, lembra o profesor de Dereito da Universidade da Coruña, Carlos Aymerich. "Pero eses terceiros que a merquen e que eventualmente a inscriban no rexistro da propiedade ao seu nome non serían terceiros de boa fe, xa que saben as circunstancias nas que se produce a compra. Saben que hai procedementos en transo de iniciarse para que esa casa retorne ao patrimonio público, non gozarían da protección rexistral dos terceiros de boa fe", puntualiza en declaracións a Nós Diario.

"No momento no que se inicie o proceso de declaración como Ben de Interese Cultural a Administración competente, nese caso a Xunta da Galiza, podería adoptar algunhas medidas cautelares. Cando estea rematado o procedemento e sexa declarada BIC poderanse aplicar os dereitos de tanteo e de retracto da lei de patrimonio histórico", agrega o tamén coautor do informe xurídico sobre o proceso de adquisición da Casa Cornide por Carmen Polo

Cuestionado polo baleirado do inmóbel, o profesor de dereito remítese a outro informe encargado, como o que el mesmo contribuíu a elaborar, polo Concello da Coruña. "O informe histórico artístico para a declaración BIC pode facer referencia a algúns bens de carácter móbel dentro da casa. Iso daría unha base para reclamalos despois. Pero o retardo na declaración BIC leva a estas cousas. Mentres non se inicie é difícil que se poida actuar nese sentido", apunta.

Xunto con Carlos Aymerich, Carlos Amoedo e José Manuel Busto exploraron as distintas vías coas que contan o Estado español e mais o consistorio coruñés para recuperar a Casa Cornide ao patrimonio público. Se ben ambas as administracións poderían comezar procedementos de maneira paralela, o profesor da UDC valora que "o lóxico é que se poñan de acordo e que haxa unha mínima coordinación". "Cónstame que hai interese desde banda estatal polo noso informe", di. 

As bases do informe

O informe xurídico foi entregado o 16 de decembro, un día despois de que a familia Franco dera as chaves de Meirás e que o pazo regresara ao dominio público. No documento, Aymerich, Amoedo e Busto repasan a historia de Casa Cornide e analizan o proceso de alleamento polo cal pasou a ser propiedade de Carmen Polo, muller de Francisco Franco. 

Revisando a documentación, conclúen que o procedemento de desafectación de Casa Cornide, a declaración pola que un ben de dominio público pasa a ser considerado ben público patrimonial, realizouse de maneira irregular, polo que é nula de pleno dereito. Esta primeira irregularidade é causa das restantes. Xa que a desafectación non se produciu nos termos marcados pola normativa vixente naquela altura, e que requiría un expediente do Ministerio de Educación Nacional, un informe preceptivo da Junta de Edificios Públicos e mais a autorización da Dirección Xeral de Belas Artes. 

A omisión destes trámites esenciais vicia de nulidade a venda en poxa pública do inmóbel tanto desde o punto de vista do dereito civil como desde o punto de vista do dereito administrativo. Nesa compravenda Pedro Barrié de la Maza adquiriu a Casa Cornide para, mediada unha fin de semana, venderlla a Carmen Polo por un valor 1.200% menor do que el pagou, 305.000 pesetas.  Fronte as 25.000 pesetas que pagou a muller do ditador. 

Vías para a reversión

"No informe destacamos a existencia de diferentes vicios de nulidade de pleno dereito. A acción de nulidade non prescribe, non está suxeita a un prazo determinado para o seu exercicio. Tanto o Estado como o Concello da Coruña poden iniciar unha revisión de oficio", lembra Aymerich. A maiores, fica a vía civil de maneira semellante á do Pazo de Meirás. O Concello da Coruña pode alegar que compravenda foi simulada e que mesmo así sufragou os gastos de mantemento. 

comentarios