O Parlamento pide á Xunta axilizar a declaración BIC da Casa Cornide

O BNG logra o acordo das forzas políticas para que o Parlamento exixa á Xunta axilizar os trámites para obter a condición de Ben de Interese Cultural para a Casa Cornide, axilizar a realización dun inventario dos fondos que alberga este inmóbel e a impedir que a familia Franco o venda na rede. 
A Casa Cornide (A Coruña) foi espoliada a favor de Franco e a día de hoxe segue en mans da súa familia (Foto: M. Dylan / Europa Press)
photo_camera A Casa Cornide (A Coruña) foi espoliada a favor de Franco e a día de hoxe segue en mans da súa familia (Foto: M. Dylan / Europa Press)

O Parlamento galego resolveu hoxe instar a Xunta a axilizar os trámites para obter a condición de Ben de Interese Cultural (BIC) para a Casa Cornide -espoliada pola ditadura e aínda hoxe en mans da familia Franco-, a axilizar a realización dun inventario dos fondos que alberga este inmóbel e a impedir que a familia do ditador o venda na rede.

Eis o compromiso da Cámara, nado na comisión de Cultura e a instancias da proposta presentada pola deputada do Bloque Nacionalista Galego (BNG) Mercedes Queixas.

Na súa intervención, a parlamentaria instou a Xunta a iniciar “coa maior urxencia” todas as medidas para incoar o expediente que catalogue o edificio como BIC e a elaborar "un inventario de todos os fondos, obxectos e documentos de valor patrimonial para asegurar a súa conservación e restitución ao pobo galego".

Queixas remarcou a necesidade de dar pasos adiante para reparar a “verdade, a xustiza e a dignidade” pondo en marcha, desde as Administracións, procedementos para que Cornide “sexa recuperada para o ben común”.

En resposta á nacionalista, o portavoz do Partido Popular (PP) na comisión, Alberto Pazos Couñago, anunciou o voto favorábel á iniciativa do Bloque, afirmando que A Coruña terá un aliado na Xunta para materializar a condición BIC da Casa Cornide e a devolución ao pobo galego. A nacionalista agradeceu o apoio de todos os grupos parlamentarios  e recalcou  que Cornide “foi do pobo e debe voltar ao pobo”, xa que este "é o único camiño para fechar a porta da historia dun espolio que sostivo o entramado fascista ao longo de décadas”. 

Concordia fronte memoria

O PP tamén presentou unha proposta na comisión instando a Xunta a demandar do Estado a cesión da xestión do pazo de Meirás -que os Franco teñen que devolver- "co obxectivo de desenvolver usos culturais que expliquen a historia do inmóbel, reivindiquen o entendemento e a concordia e afonden no papel das escritoras na historia da literatura, particularmente de Pardo Bazán”. Precisamente antonte o termo "concordia" saía á palestra da man do presidente do PP, Pablo Casado, ao anunciar que faría fronte á futura lei de Memoria Democrática cunha proposta para unha lei da Concordia.

Eis a nova aposta de Casado que replica en menos de 24 horas o PP galego: substituír a memoria histórica polo "entendemento e a concordia". A proposta do PP saíu adiante dado que os conservadores non apoiaron as emendas do deputado Luís Bará (BNG) e da deputada Noa Díaz (PSdeG).

Ambos pedían que entre os usos do pazo estea a reivindicación da memoria democrática galega e a que a xestión do inmóbel non pase directa e enteiramente á Xunta, senón que esta se estude e se pluralice entre as diversas entidades que traballaron para lograr a devolución do pazo ao pobo, como a Deputación da Coruña, o Concello de Sada e os movementos sociais. 

Os Franco piden tempo

A familia Franco solicitou ao xulgado pospor a data de 10 de decembro -fixada para a entrega do pazo de Meirás- canda menos "dous meses" para retirar os bens desde que finalice o inventario que se está a realizar pola Administración pública.

Os Franco sosteñen que se ven "obrigados a entregar un inmóbel de considerábeis dimensións e en cuxo interior hai unha gran cantidade de cousas" que, segundo afirman, non figuraba na sentenza. Inciden que esta se "circunscribe ás leiras ou inmobles reivindicados" e non aos bens que contén o pazo.

Comentarios