Os Franco rexeitan que o Estado sexa depositario dos Bens de Meirás

A familia do ditador pide, nun escrito de 38 páxinas, unha indemnización "polos danos e prexuízos" destas medidas cautelares.
Instalacións do pazo de Meirás. (Foto: M Dylan / Europa Press)
photo_camera Instalacións do pazo de Meirás. (Foto: M Dylan / Europa Press)

A familia do ditador Francisco Franco vén de presentar un recurso de apelación contra o auto do Xulgado de Primeira Instancia número 1 da cidade da Coruña polo que o Goberno do Estado quedou como depositario dos bens atopados no interior e exterior do pazo de Meirás durante o inventario.

A decisión non era definitiva, á espera da sentenza final, pero aínda así as e os achegados queren que esta opción sexa "integramente revogada". Así aparece reflexado nun documento de 38 páxinas analizado por Europa Press.

Aliás, consideran que a parte que actuou ten que pagar as costas dos trámites xudiciais e "indemnizarlles cos danos e prexuízos ocasionados" polas medidas cautelares.

Para acudir á Xustiza, argumentan que "as cousas, bens ou obxectos" non están "fisicamente anexionados ao inmoble obxecto do litixio". "Por tanto, de ningunha maneira constitúen partes integrantes ou compoñentes materiais" do inmoble, consideran.

Ademais, defenden que na demanda orixinal non foi obxecto do citado litixio "o pazo de Meirás entendido como unha suposta unidade, senón unha concreta parcela catastral que, á súa vez, correspóndese con quince leiras rexistrais".

Igualmente, as herdeiras de Franco opinan que as medidas tomadas son "improcedentes" polo momento no que se pediron pero tamén por ver unha posíbel "pretensión, tutela e pronunciamiento xudicial que non foi nin pode ser obxecto do presente procedemento".

Ademais, o escrito da familia destaca que referencias a "elementos, compoñentes ou aspectos" do inmoble, declarado Ben de Interese Cultural (BIC), "circunscríbense, exclusiva e necesariamente, ao que integra, constitúe ou conforma o propio inmoble e non aos bens mobles que acha no seu interior". Mesmo chega a cuestionar o inventario que elaboraron expertas de Patrimonio Nacional.

Comentarios