Os Franco poñen á venda a Casa Cornide

A familia Franco puxo á venda a Casa Cornide, na Coruña, segundo figura en portais inmobiliarios nos que se especifica que se comercializa "casa ou chalé" na Cidade Vella, con 11 habitacións, 13 baños e 1.430 metros cadrados. "Exclusiva propiedade do ano 1900, reformada en 1964 e recentemente no 2018 (con estrutura metálica, de formigón e pedra)", sinalan, achegado fotos das distintas estancias do interior do inmóbel.

Unha protesta do BNG na Casa Cornide da Coruña. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Unha protesta do BNG na Casa Cornide da Coruña (Imaxe: Nós Diario).

Da Casa Cornide sublíñase que dispón na planta baixa "de garaxe para dous vehículos, e unha sala-almacén con xanelas a dúas rúas", así como "un apartamento de tres dormitorios, cociña, sala de estar e baño". A iso, suman un apartamento para convidados.

"Na planta superior, está situada unha fantástica biblioteca realizada en madeiras nobres", especifícase xunto a outras estancias. Ademais, remárcase o "aspecto señorial ou palaciego" da casa.

A posta á venda da propiedade prodúcese cando está decorrendo o xuízo polo Pazo de Meirás no que o Estado e as demais administracións que interviñeron -a Xunta, a Deputación coruñesa e os concellos da Coruña e Sada- reclaman a súa devolución ao patrimonio público.

Este pazo do século XVIII foi sede de dependencias municipais, aínda que en 1962 foi enaxenado mediante unha poxa pública, recaendo no empresario coruñés Pedro Barrié de la Maza. No escrito de adxudicación, trasladábase, no entanto, a vontade de transferir o edificio a Carmen Polo, esposa do entón xefe do Estado, Francisco Franco, que, finalmente, incorporouna ao seu patrimonio.

Nos últimos anos, protagonizáronse, do mesmo xeito que ocorreu co Pazo de Meirás, distintas protestas e iniciativas por parte do BNG -a familia Franco chegara a pedir penas de prisión para un grupo de militantes que se mobilizaron no balcón do inmóbel- e do Concello herculino, entre outros, para esixir a súa devolución ao patrimonio público. Desde o consistorio trabállase tamén en lograr a súa declaración como Ben de Interese Cultural (BIC).

Comentarios