Esixen a devolución da Casa Cornide e unha investigación aos Franco

A Coruña acolleu este domingo unha concrentración ás portas da Casa Cornide para esixir a súa devolución ao Concello, ao que piden que investigue a posíbel substracción de obxectos do inmóbel nos últimos días
Protesta ante a Casa Cornide este domingo na Coruña (Foto: Nós Diario).
photo_camera Protesta ante a Casa Cornide este domingo na Coruña (Foto: Nós Diario).

O colectivo Defensa do Común volveu esixir este domingo a devolución ao Concello da Coruña da Casa Cornide á familia Franco, actual propietaria do inmóbel, cunha concentración ás portas do mesmo, situado na Cidade Vella da cidade herculina.

No acto, que tivo lugar ás 12.30 horas fronte a colexiata de Santa María baixo a lema 'A Casa Cornide é da Coruña. Devolución, xa', interviron o xornalista e escritor Manuel Rivas e o arqueólogo, exdirector do Castelo de San Antón e "profundo coñecedor do patrimonio histórico-arquitectónico de Galicia", Felipe Senén.

"A batalla de Meirás aínda non acabou, porque ten continuación na batalla da Casa Cornide. E imos gañar tamén esta nova batalla!", proclamaron os membros das entidades organizadoras ante un cento de persoas.

Tal e como explicou unha das asociacións nun comunicado, a xunta directiva de Defensa do Común tomou a decisión de manter a concentración pese as restricións da Covid-19 após coñecer a pasada terza feira polos veciños e veciñas da Cidade Vella e polo Bloque Nacionalista Galego a presenza no inmoble de "varias furgonetas que procedían a retirar diversos obxectos do seu interior".

A asociación destacou que estes indicios foron confirmados posterior e "presencialmente" por membros da Xunta Directiva. Unha ratificación que se suma ás fotografías achegadas polo BNG nas que se ve a unha furgoneta branca saíndo do edificio.

"A familia Franco non ignora que a condición de Ben de Interese Cultural (BIC) dificulta a venda do inmoble, así como a prohibición de retirar calquera obxecto sen a previa autorización", lembrou Defensa do Común, que considera "imprescindíbel" que se impida calquera intento de retirada de elementos do interior da casa mentres non finalicen os trámites do BIC.

Neste sentido, a asociación apoiouse no informe remitido pola Universidade da Coruña (UDC), que consideraron "clarificador", e polo que a entidade conclúe que "os procesos de permuta, poxa e venda" da Casa Cornide foron "ilegais".

Por iso, a organización reiteroulle ao Concello da Coruña a necesidade de presentar unha denuncia no xulgado "para investigar se foron subtraídos obxectos da Casa Cornide nos últimos días", así como a urxencia de formalizar a demanda "para que o palacete volva ao pobo da Coruña".

Comentarios