O BNG reivindica a lembranza de Antolín Faraldo 200 anos despois do seu nacemento

“Betanzos, e a Galiza enteira, teñen unha débeda pendente con Antolín Faraldo", afirmou a portavoz municipal do BNG de Betanzos, Amelia Sánchez.
Acto de homenaxe do BNG a Antolín Faraldo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Acto de homenaxe do BNG a Antolín Faraldo. (Foto: Nós Diario)

O BNG homenaxeou na mañá deste sábado Antolín Faraldo polo 200 aniversario do seu nacemento. No acto de homenaxe a Faraldo interviñeron a portavoz municipal do BNG de Betanzos, Amelia Sánchez, e os deputados nacionalistas no Parlamento galego Mercedes Queixas e Xosé Luis Rivas Cruz ‘Mini’.

“Betanzos, e a Galiza enteira, teñen unha débeda pendente con Antolín Faraldo. Se hoxe en día temos un Parlamento no Pazo do Hórreo, un Goberno galego e un Estatuto de Autonomía débese en boa medida ao impulso fundacional de Antolín Faraldo, o home que encabezou, como secretario, a Xunta Suprema da Galiza na Revolución de 1846, un pronunciamento democrático e galego”, explicou a voceira do BNG, Amelia Sánchez.

“Faraldo defendeu un sistema tributario xusto, recuperar a capacidade produtiva do pais. Na historia apréndese a liberdade, escribiu, nada máis necesario e máis actual”, engadiu a voceira municipal do BNG.

Despois de que o pai do provincialismo galego fose nomeado Fillo Predilecto de Betanzos en 2003, a iniciativa do BNG, 2022 foi declarado ano Antolín Faraldo, tamén por unha iniciativa impulsada polo grupo nacionalista.

Antolín Faraldo, “referente”

Pola súa parte, a deputada Mercedes Queixas afirmou que na Galiza “temos a sorte de ter referentes que soñaron e deselaron o camiño dunha Galiza próspera, soberana e á vangarda”.

“Un deles é Antolín Faraldo, a quen axudamos a recuperar e dignificar cada ano. Memoria reforzada hoxe ao se celebrar o 200 aniversario do seu nacemento en Betanzos”, subliñou Queixas.

A programación do BNG polo ano Antolín Faraldo completarase o vindeiro sábado 17 de setembro coa presentación do caderno publicado pola Fundación Galiza Sempre sobre Faraldo, ás 12 da mañá na libraría Libros coa vicepresidenta da fundación e eurodeputada do BNG, Ana Miranda, e o autor do caderno, Henrique del Río. A continuación haberá un roteiro guiado polo propio Henrique del Río polos lugares de Betanzos de importancia na biografía de Faraldo.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios