domingo 18/04/21

Historiadores atopan múltiples trabas para accederen aos arquivos do franquismo

Após a fin da ditadura de Franco, moitos documentos foron desclasificados para evidenciar a cruenta represión contra quen se opuxeron ao golpe de Estado de 1936. Outros, os máis comprometedores, foron eliminados, e os que se conservan non son doados de consultar. Historiadores denuncian a falta de transparencia.
Un grupo de militares franquistas do 'Corpo do Exército de Galicia', na campaña do Levante, retratados por Fernando Villaamil en 1938 (Foto: Arquivo Dixital da Galiza).
Un grupo de militares franquistas do 'Corpo do Exército de Galicia', na campaña do Levante, retratados por Fernando Villaamil en 1938 (Foto: Arquivo Dixital da Galiza).

A Xunta da Galiza vén de anunciar que dixitalizará en 2021 máis de 1,3 millóns de documentos do golpe de Estado e da represión custodiados, até o de agora, polo Arquivo do Reino da Galiza e os arquivos históricos provinciais de Lugo, Ourense e Pontevedra. Para este fin destinaranse perto de 170.000 euros, e porá estes fondos a disposición da cidadanía a través de Galiciana, o Arquivo Dixital da Galiza.

Entre os documentos que se poderán consultar atópanse expedientes de responsabilidades políticas, informes penitenciarios, arquivos do Goberno civil e da Sección Feminina da Falanxe ou exemplares da prensa da época.

"Que se dixitalicen sempre é de grande axuda porque facilita a súa consulta, mais trátase dunha documentación parcial e cun certo nesgo. Haberá que agardar para ver que documentos se dixitalizan finalmente", expón, en conversa con Nós Diario, o historiador Eliseo Fernández. Para el, resulta imprescindíbel "pór interrogantes sobre a verdade" dos informes policiais e xudiciais: "O papel das e dos historiadores é esencial para interpretar os feitos", engade.

Na mesma liña apunta o tamén historiador Dionisio Pereira, quen salienta que o acceso a determinados fondos, como os da secretaría provincial do Movemento en Pontevedra, "non é doado" a día de hoxe. "Hai anos accedín a estes documentos, mais agora poñen moitas dificultades amparándose na Lei de Protección de Datos: pídennos acreditar que as persoas referenciadas nos arquivos que imos estudar ou divulgar xa faleceron, e isto, alén dun agravio, é unha medida discrecional, porque depende do criterio da persoa que te atenda", explica.

Neste senso, pregúntase se o Goberno galego dixitalizará tamén eses documentos aos que hoxe dificulta o acceso e, en caso afirmativo, "de que maneira poderá influír" a devandita Lei de Protección de Datos para restrinxir a súa consulta.

Arquivos 'filtrados'

"Os documentos que pasaron ao Arquivo do Reino da Galiza non foron todos os que había na sede do Goberno Civil da Coruña, xa que se purgou a información máis comprometedora", salienta Dionisio Pereira.

O mesmo tería acontecido cos fondos do Movemento de Pontevedra: "Nos arquivos da Falanxe faltan algúns historiais de persoas afiliadas ao partido, moi ben escollidos, e case todas as fotografías", sostén, en referencia a que, após a fin da ditadura e durante a Transición, "a algúns non lles interesaba que se asociasen co franquismo". Os arquivos que dixitalizará a Xunta, asegura, "non son moi comprometedores" e non achegarán "demasiadas certezas" sobre os crimes do Réxime, mais si permitirán comprender "a represión económica na Galiza", grazas aos expedientes de responsabilidade civil e política.

"Hai milleiros por todo o país, son documentos que evidencian as sancións gobernamentais e un aparato represivo contra quen se opuxeron ao franquismo. En todos os concellos de Ourense, por exemplo, houbo episodios de represión documentados", asevera o historiador.

Os arquivos da Garda Civil, tan valiosos como protexidos polo Estado

Acceder aos documentos custodiados polas forzas policiais resulta especialmente complexo no Estado español. De feito, a ONU xa alertara en 2013 desta cuestión.

"A Garda Civil pon moitas trabas ás e aos historiadores para accedermos a determinados arquivos, din cousas como que non están organizados e por iso non se poden consultar", sostén Eliseo Fernández, quen engade que esa documentación posúe "moitas chaves" da represión: "As persoas que foron paseadas constan nos informes policiais".

Tamén Dionisio Pereira lamenta as "limitacións" para estudar os crimes do franquismo: "Os arquivos da Garda Civil ou do Ministerio da Gobernación (hoxe Interior) teñen información importante, mais o acceso aos mesmos está xeralmente restrinxido", di.

comentarios