Opinión

A memoria dos verdugos

Aínda hai moito que facer na Galiza para desvelar a complexidade represora dos verdugos tras o golpe militar de 1936; uns vitimarios que enxergamos como “suxeitos históricos” inmersos en confrontacións sociais e defensores duns intereses moi concretos. Xaora temos fontes históricas das que botar man, para investigar os vitimarios e os mecanismos utilizados para implantar o terror. Mais non convén esquecer que os arquivos da Garda Civil e os que custodian a documentación gobernativa, esenciais para o labor devandito, teñen acceso restrinxido. E tampouco a reformada “Ley sobre Secretos Oficiales”, soluciona a problemática dos prazos preceptivos para as desclasificacións, pois deixa fora as materias clasificadas antes da súa entrada en vigor. 

É certo que, coas súas diferenzas, as dúas propostas de Os Nomes do Terror (libro e coleccionábel) alentadas por Nós Diario e o volume Golpistas e verdugos de 1936. Historia dun pasado incómodo xurdido no ámbito académico, lle deron un pulo innegable a esta temática. Porén, antes de poñernos medallas como pioneiros, compre lembrar que a primeira obra sobre os represores, Galicia Mártir, xa fora editada en París e Buenos Aires en plena Guerra Civil (e logo publicada en galego por A Nosa Terra en 1998) baixo o alcume de Hernán Quijano, utilizando relevante información recollida “in situ”. En paralelo e ata o remate da contenda, algúns periódicos galegos editados en zona republicana como “Nueva Galicia”, decote fixeron referencia aos criminais que estragaban o país.

Asemade, se hoxe podemos avanzar nesta temática debémolo ás persoas que se atreveron a pescudar, case sempre fora da Universidade, nun eido cheo de ameazas e cunha poboación aínda atemorizada, sen apoios institucionais e sen axuda económica algunha: dende a reportaxe de José Luis Morales sobre os Rosón pola que foi secuestrada en 1977 a revista Interviú, até o traballo de Francisco Cerecedo sobre Tui publicado ese mesmo ano en Historia 16; dende os especiais "A Nosa Historia" do semanario A Nosa Terra, onde no ano 1987 Xan Carballa, Alfonso Magariños, Bieito Alonso, Carlos Nuevo, Suso Torres e Eduardo Gutiérrez focalizaron a eiva histórica que tiñamos cos verdugos, ate os libros publicados nos anos 90 por Marc Wouters (á fronte dun feixe de investigadores, entre os que estaban Julio Prada, Xosé M. Núñez Seixas e Antonio Giráldez Lomba), Juan González, Antón Caeiro, Xerardo Agrafoxo ou Manuel Pazos.

Mais, por riba de todo, cómpre lembrar que, no tempo aferrollado dos anos 40 e 50 do século pasado, a guerrilla foi depositaria da memoria que o pobo masacrado gardou da barbarie. Mesmo dende o verán de 1936, unha resistencia a penas estruturada xa comezou a meterlle medo no corpo a delatores e vitimarios, seguindo a máxima atribuída a “Curuxás”: “o que matou, debe morrer”. Así, entre 1936 e 1940 coñecemos unha vintena destas accións, maiormente nas contornas de Vigo e Ferrol, na bisbarra de Valdeorras e no norte da provincia de Lugo: velaí ao "Gardarrios", axustizando na Mariña en xuño de 1939 ao represor Eladio Teixeira e na primavera de 1940 ao destacado falanxista José Viador, na Fraga Vella de Mondoñedo…

Aínda están por estudar as consecuencias desta xustiza pola man que unha parte do pobo galego alentou, mais entre 1940 e 1950 cando menos 13 xefes locais de Falange foron axustizados pola guerrilla, a carón de represores tan aborrecidos como o sarxento da Guardia Civil de Xubia, José Torres. Esta memoria dos verdugos continuou viva tempo despois de rematada a guerra, tal e como o acredita a morte do mestre e falanxista de Soutelo de Montes José Couceiro a mans da partida de “Foucellas”, a comezos de 1949. Naquel intre, os guerrilleiros portaban unha detallada listaxe dos represores locais, subministrada polos seus enlaces…

A guerrilla representou a derradeira tentativa de defensa da lexitimidade republicana e non foi asimilada pola Transición. Por iso a Lei de Memoria de 2007 non a tivo en conta, algo que, se acaso, acontecerá de novo no anteproxecto de lei de memoria democrática que prepara o Goberno PSOE/UP. Compre, pois, reivindicala.

Comentarios