Máis de 650 símbolos e distincións franquistas fican aínda presentes na Galiza

A Coruña lidera a listaxe de 90 concellos con esta simboloxía.
monumento Monte da Obra celanova
photo_camera Centos de persoas e entidades asinaron un manifesto a prol da retirada da cruz de Celanova, construída en 1939 pola Falanxe (Foto: Nós Diario).

"Todo quedou atado e ben atado". Cando o ditador Francisco Franco pronunciou aquelas palabras en 1969 estaba convencido de que, medio século despois, a simboloxía que rende tributo ao Réxime e á súa figura seguiría presente na Galiza. E, en parte, así foi. Máis dunha década despois da aprobación da Lei de Memoria Histórica, continúan en pé centos de monumentos, placas e distincións a persoeiros salientábeis do franquismo.

O sociólogo e investigador Manuel Monge publicou hai escasos meses o libro Os restos do franquismo na Galiza, que contabilizaba 602. "A listaxe non para de medrar, cada día aparecen novos símbolos e hoxe son xa 650 repartidos por 90 concellos", expón, en declaracións a Nós Diario.

A cidade da Coruña lidera a clasificación, con 102, entre os que destacan os múltiples recoñecementos a alcaldes da ditadura como Sergio Peñamaría, quen en 1939, como tenente da Lexión, "participou nun masacre represivo no Barco de Valdeorras", un concello que si lle retirou os honores e que en 2019 instou o consistorio coruñés a facer o propio.

"Ese é o principal problema, a falta tanto de criterios claros como de coherencia. É evidente que o principal atranco é o PP, mais, se a esquerda e o nacionalismo defenden a retirada da cruz de Celanova, por que non fan o mesmo onde gobernan?", cuestiona o investigador, que fai fincapé no caso de Vigo, coa cruz do Castro aínda en pé.

En Celanova, a veciñanza comezou mobilizarse o pasado verán para solicitar a retirada da cruz instalada pola Falanxe en 1939. Desde mediados de febreiro, máis de 1.500 persoas e entidades asinaron un manifesto a prol desta proclama. "A xente da época non pisaba o lugar porque sabía que conmemoraba unha barbarie, mais esa xeración foi morrendo e o seu significado foise deturpando desde que nos anos 70 e 80 a Igrexa e o Concello converteron o lugar nun merendeiro e mudaron o nome de Outeiro da Obra por Outeiro da Cruz", sostén Erik Dobaño, do Comité de Memoria Histórica de Celanova, que avoga por converter este espazo nun lugar para a memoria, a xustiza e a reparación. 

"Informar é un acto revolucionario"

Alén de símbolos claramente recoñecíbeis como as cruces dos caídos ou os escudos franquistas aínda presentes en diferentes vilas, o problema son os múltiples recoñecementos no rueiro, as fachadas das Igrexas ou as denominacións de "fillos predilectos". "Non coñecemos a nosa historia e moita xente pensa sobre determinados persoeiros que, malia participaren da ditadura, eran boas persoas porque fixeron moitas obras públicas a prol da vila. Compostela mantén 20 ministros da ditadura como fillos predilectos, como é isto posíbel?", lamenta Monge.

Neste senso, salienta a importancia de facer pedagoxía: "Informar é un acto revolucionario. Vímolo con Meirás, que a maioría da xente consideraba un agasallo lexítimo até que se lles explicou o acontecido. As institucións deben desmontar a 'teoría do empate', porque aquí o partido rematou 5.000 a cero e só houbo represión", expón, en alusión aos asasinatos fascistas.

"Non vexo a Deus na cruz do Castro, só vexo a Franco"

A Xustiza instou en 2014 á retirada "inmediata" da cruz do monte do Castro, en Vigo, mais o alcalde, Abel Caballero, recorreu a sentenza. "É unha posición reaccionaria que non ten explicación posíbel, porque foi erguida polos fascistas após a guerra e debe retirarse. Lembro unha compañeira crente, Manolita Caballero, que dicía que nesta cruz non vía a Deus, senón a Franco", di Celso López, presidente da Asemblea Republicana de Vigo, ente que loitou durante anos por derrubar a cruz.

Para el, é preciso "frear o revisionismo histórico" xurdido após o "pacto de silencio da Transición", así como facer énfase no eido educativo sobre o significado da II República e o período franquista. "Falta moita pedagoxía no ensino, onde perviven certos 'tics' da ditadura", sostén, con coñecemento da causa, xa que durante anos foi mestre de Historia.

Tamén insiste neste punto Erik Dobaño, que lembra que a Asociación de Avogados Cristiáns vén de promover unha recollida de sinaturas, que xa acadou 14.000, a prol de que se manteña a cruz de Celanova. "Estráñanos que o Bispado de Ourense non se pronuncie sobre o seu significado, xa que cómpre lembrar que o Vaticano se desmarcou en 1940 da Falanxe e dixo que a súa simboloxía, incluídas as cruces, non representaban o cristianismo", expón, en referencia á "apropiación" que fixeron os falanxistas dun símbolo e un espazo que "non son de culto".

Comentarios