Máis dun millón de persoas demandan a saída de Dilma Rousseff

Os casos de corrupción política e a desafección das clases altas e medias do país están a facer mermar os apoios de Dilma Rousseff após 4 meses do seu segundo triunfo electoral. 

Dilma Rousseff
photo_camera Dilma Rousseff

A presidenta do Brasil tivo que saír ao paso das multitudinarias manifestacións decorridas este domingo en até 23 cidades do país convocando un gabinete de crise con representantes do seu executivo e mesmo enviando á televisión pública o responsábel de Xustiza. Todo para trasladar á cidadanía a imaxe dun goberno comprometido na loita contra a corrupción política após as denuncias que atinxen a maior empresa pública do país, Petrobras. 

Neste senso, o domingo 15 de marzo 1 millón 400 persoas saíron ás rúas ao longo e ancho do país ao berro "Fóra PT" e "impeachment xa". O que reclaman @s manifestantes é a abertura dun proceso de casación e mesmo de destitución da presidenta que debe ser, en todo caso, iniciado no Congreso. 

Destitución através de impeachment

De acordo co fixado na Constitución brasileira, para encetar este procedemento --que rematou en 1992 coa saída de Fernando Collor-- cando menos 2/3 d@s deputad@s federais deben recibir unha denuncia contra a presidenta en que se lle imputen delitos na súa xestión por improbidade administrativa, entre outros. Neste senso, a denuncia debe ir acompañada de probas que apoien os feitos denunciados sobre as que se xulgarían os mesmos a nivel político. 

O proceso de destitución debe ser solicitado por 2/3 d@s parlamentares federais

De se formalizar esa denuncia, por presunta corrupción, Rousseff sería xulgada polo Senado Federal, momento no que ficaría impedida das súas funcións políticas pasando a asumir o cargo o vice-presidente, Michele Temer. O proceso de impeachment non suporía en ningún caso un adianto electoral agás de ser impedido tamén o vice-presidente. Nese caso a presidencia do Congreso asumiría a dirixencia gobernamental. 

Desde o executivo de Rousseff apúntase cara á elite económica do país como cerne dos protestos mais a masiva participación na xornada do domingo evidencia que abrangue tamén outros sectores da poboación. "Non son elite. Non teño varanda gourmet", aseguraba unha manifestante nas declaracións rexollidas polo xornal Publico.pt. Porén, a extrema dereita brasileira está a aproveitar o descontento para empregalo como arma arreboladiza contra o goberno de Rousseff. 

Segundo os inquéritos publicados na sexta feira (13 de marzo) os dados rexistran unha queda dos apoios á presidenta --apenas 4 meses após as eleccións-- de até 21 pontos negativos. 

Comentarios