Yolanda Díaz propón o uso de galego, euskera e catalán no Congreso porque "España é un país de países"

O pasado ano, PSOE, PP, Vox e Ciudadanos impediron que saíse adiante esta proposta, impulsada polas formacións nacionalistas e mais Unidas Podemos e Más País.
Intervención no Congreso da vicepresidenta segunda do Goberno español, Yolanda Díaz, ante a mirada da vicepresidenta terceira, Teresa Ribera. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)
photo_camera Intervención no Congreso da vicepresidenta segunda do Goberno español, Yolanda Díaz, ante a mirada da vicepresidenta terceira, Teresa Ribera. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)

A líder de Sumar, ministra de Traballo e vicepresidenta segunda do Goberno español en funcións, Yolanda Díaz, aposta por iniciar a nova lexislatura cunha reforma do Regulamento do Congreso que permita aos deputados e deputadas utilizaren as linguas oficiais do Estado alén do castelán: catalán, euskera e galego. O pasado ano, PSOE, PP, Vox e Ciudadanos rexeitaran tramitar unha proposta —presentada conxuntamente por BNG, ERC, PDeCAT, Junts, CUP, EH Bildu, PNV, Compromís, Más País e Unidas Podemos— encamiñada precisamente a permitir un uso xeneralizado destes idiomas na Cámara, de maneira que o catalán, o galego e o euskera puidesen utilizarse tanto no pleno como nas comisións, coa correspondente tradución simultánea, e que se permitise o rexistro de iniciativas redactadas nesas linguas.

En declaracións a TVE, Díaz trasladou esta cuarta feira que lle gustaría que se producise esta reforma porque, asegurou, "España é un país de países", "diverso" e "plural", no que "as "distintas identidades merecen este dereito". Desde Sumar queren recuperar aquela infrutuosa reforma en xuño pasado do artigo 6 do Regulamento, que define os dereitos de deputados e deputadas, co fin de "garantir" que poidan "expresarse tamén nos idiomas oficiais nas súas comunidades autónomas de orixe".

Sumar pon como exemplo a Cámara alta, o Senado, onde na actualidade está permitido o uso de catalán, euskera e galego... Iso si, de forma parcial, limitado á presentación de escritos, a Comisión Xeral das Comunidades Autónomas e o debate de mocións.

"A nova lexislatura debe botar a andar garantindo que as linguas oficiais poidan usarse tamén no Congreso, protexendo e dando visibilidade á pluralidade lingüística do noso país", manifestaron fontes de Sumar, que lembraron que o Goberno de coalición xa solicitou o uso das linguas oficiais do Estado no Parlamento Europeo e tras os primeiros pasos dados no Senado.

Preguntada por se se trata dunha "petición dos partidos nacionalistas" para apoiar unha nova investidura do socialista Pedro Sánchez, a vicepresidenta e ministra de Traballo en funcións deixou claro que é "un compromiso de Sumar" que vén reivindicando desde a campaña electoral. Sería "importante" para a constitución do Congreso o próximo 17 de agosto, defendeu Yolanda Díaz, "poder expresarse" en calquera das linguas oficiais.

"É un modelo que ten encaixe constitucional. A diversidade é maior riqueza para o noso país, sería moi positivo", subliñou, para logo precisar que o van someter a debate co resto de grupos parlamentarios e co propio PSOE para "mellorar e modernizar" o Regulamento do Congreso, que ao seu xuízo "debía reformarse hai tempo".

Comentarios