BNG, ERC, Bildu e outras forzas políticas urxen garantir o uso das linguas oficiais no Congreso

Esta cuarta feira rexistraron unha proposta para reformar o regulamento da Cámara de modo que permita a tradución simultánea de todas as intervencións e textos presentados.
Representantes de dez organizacións políticas rexistraron a iniciativa esta cuarta feira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Representantes de dez organizacións políticas rexistraron a iniciativa esta cuarta feira. (Foto: Nós Diario)

Representantes de BNG, ERC, PDeCAT, Junts, CUP, EH Bildu, PNV, Compromís, Más País e Unidas Podemos rexistraron esta cuarta feira no Congreso unha proposición de reforma do regulamento da Cámara Baixa, á que tivo acceso Nós Diario, no que atinxe ao uso das linguas oficiais.

En concreto, as e os deputados propoñen modificar o artigo 6 dese texto para que recolla o "dereito de intervir nas sesións do Pleno do Congreso e das Comisións en calquera das linguas oficiais e recoñecidas estatutariamente nas súas Comunidades Autónomas".

De forma paralela, avogan por introducir unha disposición final sexta que instaría os servizos da Cámara Baixa a "proceder á tradución ao castelán dos escritos con entrada no Rexistro Xeral e no Rexistro de Comisións presentados en calquera das linguas oficiais".

Aliás, eses escritos deberían publicarse no Boletín Oficial das Cortes Xerais "cando menos na lingua de presentación e en castelán".

Os servizos do Congreso tamén procederán "á tradución simultánea a todas as linguas oficiais [...] das intervencións realizadas nas sesións do Pleno do Congreso e das Comisións".

A lingua, unha cuestión polémica

O uso de linguas distintas ao castelán nas Cortes foi obxecto de polémica nos últimos anos. Así, nunha sesión plenaria decorrida en 2013, o daquela deputado de ERC Joan Tardà foi expulsado da tribuna polo entón presidente do Congreso, Jesús Posada (PP), por intervir en catalán.

Mais esta proposta requiriría para saír adiante o voto favorábel do PSOE, que fechou a porta o pasado ano ás linguas oficiais no Congreso alegando que o castelán é o "único idioma recoñecido en todo o Estado".

No Senado, porén, os socialistas apoiaron a tramitación dunha iniciativa de Junts para universalizar o uso na Cámara de galego, castelán e euskera, un uso que xa está recoñecido para os debates de mocións no pleno, dado que é o instrumento de representación territorial.

Comentarios