A Xunta xustifica o uso de “La Toja” porque é unha “decisión comercial”

A Xunta encadrou nunha decisión "comercial" dos organizadores do Foro La Toja que empregasen o topónimo deturpado da illa da Toxa, no Grove, para bautizar o evento que a finais de setembro reuniu distintas personalidades da política e a economía, incluídos o propio presidente do Executivo galego, Alberto Núñez Feixoo, o rei Felipe VI e o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez.

Autoridades na inauguración do Foro da Toxa (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).
photo_camera Autoridades na inauguración do Foro da Toxa (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).

Cuestionado durante a Comisión 4ª do Parlamento galego decorrida esta sexta feira pola deputada do BNG Montse Prado, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asegurou que a Consellaría de Cultura, Educación e Universidade enviou unha carta aos organizadores do foro, promovido polo grupo hostaleiro Hotusa.

Na misiva, dixo Valentín García, lembráronlles que o topónimo oficial da illa arousá é A Toxa e non La Toja como figura na denominación do evento.

"Gustaríanos que tivese outro nome, e así llo trasladamos", apuntou García, que incidiu en que o nome do foro é "unha marca comercial" elixida pola empresa promotora, "que decidiu chamarlle así como puido chamarlle 'Mar dentro' ou 'Confín dos verdes castros'".

O responsábel de Política Lingüística desligou a Administración galega da organzización do evento e, por tanto, do uso do topónimo deturpado. Nesta liña, xustificou que "o apoio" da Xunta ao evento se limita á "presenza" do presidente e doutros membros do Goberno.

García engadiu que o emprego de topónimos deturpados tamén existe noutros ámbitos, como en entidades deportivas, "algunha da máxima relevancia" [en alusión, sen expresalo explicitamente, ao Deportivo da Coruña], ademais de permanecer entre a sociedade á hora de referirse a lugares, como, por exemplo, ocorre na cidade de Santiago "ao falar da Porta Fajera ou de Conjo".

Fundación de interese galego malia a deturpación do topónimo

Cuestionado polo grupo nacionalista sobre a declaración como fundación de interese galego a entidade que organiza o foro, o responsábel do Executivo autonómico resaltou que o uso dun topónimo deturpado non é motivo para "negar" a súa inscrición no rexistro de fundacións galego.

O uso do topónimo deturpado para nomear o citado foro -organizado por unha empresa que vén de recibir un rescate millonario por parte do Executivo español- motivou numerosas queixas, entre elas a da Mesa pola Normalización Lingüística, que denunciou o trato recibido pola Garda Civil, que chegou a empurrar o presidente da entidade, Marcos Maceira, e a deputada nacionalista Montse Prado.

Por outra banda, tal e como puxera de manifesto Nós Diario, a Xunta da Galiza insire campañas publicitarias en medios de comunicación que deturpan os topónimos.

A intervención de Valentín García chega apenas dous días despois de coñecerse o proxecto de orzamentos da Xunta da Galiza para 2022, que volve meter a tesoira na partida de normalización lingüística.

Comentarios