A UNED suspende un exame a Bieito Lobeira por usar o galego: "Para que logo digan que non hai conflito lingüístico!"

O profesor rexeita corrixir a proba por non estar en español.
Bieito Lobeira, ex deputado no Parlamento galego e alumno de Antropoloxía na UNED. (Foto: Xan Carballa)
photo_camera Bieito Lobeira, ex deputado no Parlamento galego e alumno de Antropoloxía na UNED. (Foto: Xan Carballa)

A día de hoxe e na Galiza, é posíbel suspender un exame polo simple feito de redactar as respostas en lingua galega? Aínda que pareza incríbel, a resposta a esta pregunta é si, e así o confirma a Nós Diario Bieito Lobeira, alumno de Antropoloxía no centro da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) de Pontevedra, que vén de sumarse á listaxe de alumnado desta institución suspendido por usar a súa lingua.

Foi, concretamente, na materia de Teoría Sociolóxica, cuxas probas son corrixidas en Madrid. "Fixen o exame na UNED de Pontevedra e fíxeno en galego. A cualificación que recibo é un suspenso polo que pido unha revisión. O que me responden é que me suspenden por facelo en galego", explica Lobeira. 

"Para min é, desde logo, un caso evidente de discriminación por usar a lingua galega, así como a constatación de que non todos e todas somos iguais no Estado español", valora. Existindo a día de hoxe métodos de tradución rápidos e fiábeis, para Lobeira, este non é un "problema técnico", senón "un problema ideolóxico, coa intención de eliminar o galego e de impedir o seu uso, así como de impoñer o español". "Para que logo digan que non hai conflito lingüístico!", exclama. 

O único argumento que o profesor responsábel da corrección  da proba trasladou a Lobeira é que "o equipo docente non ten competencia nin instrumentos para avaliar unha proba redactada nun idioma diferente do castelán" e que, polo tanto, "non ten a obriga de corrixilo". Con todo, no regulamento das probas presenciais da universidade aprobadas polo Consello de Goberno non se prohibe, en ningún caso, a realización das mesmas nas linguas oficiais distintas do español.

Ademais, nos propios Estatutos da UNED asúmense como misións fundamentais a inserción e coordinación entre os diferentes centros asociados de cada unha das comunidades autónomas así como o apoio ás culturas do Estado español. Sinálase tamén á colaboración coas Administracións autonómicas para a difusión da lingua, a cultura e o mellor servizo á cidadanía en educación superior. Algo que, en palabras de Lobeira, "é declarativo", pois na práctica, non se cumpre

É unha demanda que se repite ano tras ano. O alumnado que acode a realizar as probas da UNED só ten acceso ao exame en español –ao igual que todo o material didáctico previo– e, de realizar o exame en galego, atéñense a ter que afrontar diversos trámites posteriores para lograr a súa adecuada corrección ou, no peor dos casos, a recibir un suspenso. Lobeira, que xa presentou un recurso de alzada ante o Reitorado da universidade, afirma que seguirá "facendo os exames en galego mil e unha veces", até que "se recoñeza que non hai idiomas de primeira e de segunda e que todos e todas temos o mesmo dereito a usar as nosas linguas".

Contra os dereitos lingüísticos

O BNG trasladou a situación ao Congreso español e tamén A Mesa pola Normalización Lingüística enviou unha queixa ao reitor da UNED ao entender que as "limitacións de descoñecemento de idiomas que un profesor teña non pode repercutir no alumnado", sinala a Nós Diario o seu presidente, Marcos Maceira

"O propio Estatuto de Autonomía da Galiza, no seu artigo 5, especifica o dereito a usar o galego en calquera ámbito público e máis que ninguén pode ser discriminado pola súa lingua", indica Maceira. Algo que, definitivamente, non se cumpre nesta universidade estatal.

Comentarios