Ensino

Tres de cada catro colexios públicos e concertados acóllense ao modelo do 'plurilingüismo' da Xunta

En concreto, serán 250 os centros que imparten un terzo das aulas nunha lingua diferente do galego e o castelán en Infantil, 460 en Primaria e ESO e outros 15 en Bacharelato.

Inicio do curso escolar nun colexio de Compostela. (Foto: Arxina).
photo_camera Aula dun colexio de Compostela. (Foto: Arxina).

A porcentaxe de centros educativos galegos públicos e concertados que participan en programas de plurilingüismo, que inclúe —entre outras medidas— a impartición de até un terzo do horario lectivo nunha lingua diferente —principalmente inglés— das dúas consideradas oficiais no país —galego e castelán—, crecerá até 75% no novo curso 2024-25. É dicir, que o farán tres de cada catro colexios e institutos, un total de 511 acollidos a esta iniciativa a partir de setembro.

O dato ofreceuno esta segunda feira o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, baseándose nun informe analizado na reunión semanal do seu Goberno e do que deu conta en rolda de prensa. En concreto, serán 250 os centros que imparten plurilingüismo en Infantil —tres veces os que había no curso 2010-11, cando arrincou o programa—, 460 en Primaria e ESO e mais outros 15 en Bacharelato.

Todo isto son datos provisionais, xa que aínda non concluíron os prazos para a adhesión de centros de Formación Profesional —o curso pasado foron 26 os que participaron no programa—, así como as escolas de arte e superiores de deseño —até o de agora foron dúas, as da Coruña e Lugo—.

Alfonso Rueda destacou que, para facilitar o desenvolvemento do proxecto, a Xunta habilitará diferentes iniciativas como as persoas auxiliares de conversación, que o próximo curso aumentarán a un total de 665 profesionais, entre outras.

Escola de Canteiros de Poio

Por outra parte, o Goberno galego acordou tamén esta segunda feira converter a Escola de Canteiros de Poio (comarca de Pontevedra) nun centro integrado de Formación Profesional (CIFP), que estará especializado no sector da edificación, a construción e a cantaría.

Este paso "reforza", en palabras de Rueda, a rede de CIFP da Galiza, á vez que permite oficializar a formación que ofrecía esta escola que o ano pasado foi traspasada da Deputación de Pontevedra á Xunta.

O centro impartirá a partir de setembro un curso de alta especialización en pedra natural, un ciclo básico en Reforma e Mantemento de Edificios e dous da FP Dual, en Construción e en Proxectos de Edificación. En total, o próximo curso ofertaranse 92 prazas co obxectivo de, ano a ano, ilas aumentando até superar as 300.

Ademais, o presidente da Xunta avanzou que o novo CIFP abrirá a posibilidade de que antigos alumnos e alumnas da Escola de Canteiros poidan homologar a súa titulación, que antes non tiña carácter oficial.

Comentarios