O BNG exixe no Parlamento que sexa obrigatorio usar o topónimo A Toxa para evitar "agresións" á lingua

A proposta do principal grupo da oposición chega após da polémica que houbo arredor do Foro La Toja desta fin de semana. Nós Diario xa se fixo eco das condicións do encontro hai uns días.


 

EuropaPress_3354577_presidente_gobierno_pedro_sanchez_salida_acto_clausura_ii_foro_toja-vinculo
photo_camera Pedro Sánchez, esta fin de semana, na Toxa. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)

O grupo parlamentario do BNG reclamou á Xunta na sesión de traballo de hoxe que exixa a todas as entidades e administracións o emprego do topónimo oficial de A Toxa.

Os nacionalistas sosteñen que esta é a forma correcta do nome da illa que ten que aparecer no futuro en eventos, rótulos ou estabelecementos.

A deputada Montse Prado rexistrou esta proposta xunto con outras iniciativas após que decorrera o foro económico desta fin de semana na localidade.

Desde o punto de vista do grupo maioritario da oposición na Galiza, o nome que se usou (Foro La Toja) incumpre a lei de Normalización Lingüística.

No escrito, ínstase ao equipo de Feixoo a falar coa organización do encontro, coas persoas responsábeis do Gran Hotel e coas encargadas dos anuncios para reclamar “respecto pola toponimia oficial da Galiza”.

Igualmente piden que se proceda “á corrección do topónimo deturpado por A Toxa, dado que é a denominación correcta e legal”.

Prado lamentou o uso castelanizado do nome da illa por representar “unha agresión” á lingua e, ao seu xuízo, “un exercicio de ostentación e desprezo pola toponimia propia da Galiza que non se pode consentir”.


 

Comentarios