Parlamento

A Xunta defende o seu modelo lingüístico e o BNG cualifícao de "lingüicida"

"Onde está a súa política lingüística? Non actúan con efectividade e eficiencia. Por que? Pola irrelevancia coa que o PP entende que debe atender a isto, e como unha área transformadora e empoderadora", indicou Mercedes Queixas.
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, gabou o decreto de plurilingüísmo (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, gabou o decreto de plurilingüísmo (Foto: Xunta da Galiza)

O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, defendeu esta cuarta feira o modelo lingüístico da Xunta da Galiza que, segundo sinalou, baséase no "respecto á lei e a liberdade"; un modelo que o BNG cualificou de "lingüicida".

En resposta a unha interpelación exposta pola formación nacionalista no Pleno do Parlamento da Galiza, o conselleiro apuntou ademais que se trata dun modelo "apoiado pola sociedade ".

"Trátase dun modelo baseado na igualdade e respecto á lei, na convivencia harmónica de dous idiomas, e na liberdade para que calquera persoa poida utilizar a lingua que queira", argumentou, tras o que engadiu que unha lingua "é unha riqueza".

Por outra parte, o conselleiro avanzou algunhas das últimas medias postas en marcha neste ámbito como "un programa pioneiro" co Instituto Camões para acreditar o idioma dos estudantes portugueses ou o "fito histórico" que supón o anuncio das Letras Galegas deste ano, que emprega a “primeira locución da historia en galego en base á Intelixencia Artificial”.

"Política lingüicida"

A nacionalista Mercedes Queixas, a encargada de presentar a interpelación, cualificou a política lingüística da Xunta de "lingüicida" e acusou ao Goberno galego de "incumprir os dereitos lingüísticos, que forman parte dos dereitos humanos".

"Onde está a súa política lingüística? Non actúan con efectividade e eficiencia. Por que? Pola irrelevancia coa que o PP entende que debe atender a isto, e como unha área transformadora e empoderadora", indicou.

Apuntou tamén que sempre que solicitan algún tipo de avaliación, "a resposta que chega sempre é 'volva vostede mañá". "Insiste o conselleiro en seguir actuando de forma ilegal, incumprindo a súa propia lexislación", censurou.

Considera a deputada nacionalista que a Administración galega "asfixiou calquera posibilidade de vida do galego para o futuro, tanto pola vía administrativa como pola legal".

"O avance do monolingüismo, ese é o éxito e o rédito da súa política. Están a escribir un novo capítulo do libro negro do galego e pasarán á historia por ser o Goberno que prohibiu aprender en galego. Fronte a isto, está o libro branco da sociedade, que non está disposta a permitilo", aseverou.

Rodríguez fechou a interpelación afirmando que "hai unha Galiza real e outra do BNG". "Non vou aceptar que digan que gobernamos para facerlle dano ao galego. Teñen unha visión moi parcial da Galiza”, espetou.

Comentarios