Parlamento

O PP fai valer a súa maioría para rexeitar a ILP na defensa da atención primaria avalada por máis de 50.000 persoas

Vanesa Viquendi, de SOS Sanidade: "A sanidade pública galega está peor que antes e iso non hai 'photoshop' que o corrixa".
Concentración fronte ao Parlamento esta terza feira na defensa da ILP. (Foto: César Arxina / Europa Press)
photo_camera Concentración fronte ao Parlamento esta terza feira na defensa da ILP. (Foto: César Arxina / Europa Press)

O 'non' da bancada do Partido Popular, que conta coa maioría absoluta no Parlamento da Galiza, tombou esta terza feira o inicio da tramitación da iniciativa lexislativa popular (ILP) impulsada pola plataforma SOS Sanidade Pública, unha proposta que conseguiu reunir máis de 50.000 sinaturas cidadás para a súa toma en consideración no hemiciclo. No exterior do edificio concentrouse unha multitude que defendía a súa aprobación.

A encargada de defender o texto no pleno da Cámara foi Vanesa Viquendi, integrante do colectivo impulsor e presidenta da plataforma Pediatras e Matronas Xa!, quen enumerou as "carencias" que ven profesionais e persoas usuarias no Sergas, nomeadamente a "falta" de efectivos. "A sanidade pública galega está peor que antes e iso non hai photoshop que o corrixa", esgrimiu a portavoz, que debullou brevemente o contido da ILP, con medidas como fixar un máximo de 48 horas de espera para consultas en centros de saúde, aumentar as ofertas públicas de emprego e elevar até 25% do gasto total sanitario o dedicado a Atención Primaria.

Tras Viquendi interviron os representantes dos tres grupos parlamentarios —BNG e PSdeG, canda outros partidos e colectivos, apoiaran previamente a citada ILP— no que foi outro habitual debate sobre a situación do sistema sanitario galego do actual período de sesións. O voto en contra dos populares botou por terra unha iniciativa que contou co 'si' de nacionalistas e socialistas.

A portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, insistiu en que os "recortes" dos últimos 14 anos converten o Goberno galego e os populares nun "perigo para a saúde" da cidadanía. A dirixente nacionalista recalcou que o PP durante 14 anos "non fixo a planificación necesaria" para repor as xubilacións e agora "non son sequera capaces de cubrir todas as prazas MIR" da actual convocatoria, xa que 39 das 207 ofertadas en Medicina de Familia quedaron vacantes. Mentres, a Galiza é "a segunda comunidade autónoma con menor gasto" en Primaria, só superada por Madrid.

Na mesma liña, o portavoz sanitario do grupo socialista, Julio Torrado, centrouse en cuestionar os argumentos da Xunta logo de coñecerse as prazas desertas na última convocatoria MIR. "Sabemos de antemán que esta lei perderá unha votación, pero gañou un debate", insistiu, e reclamou un modelo sanitario máis "multidisciplinar" e onde "o médico non sexa o embudo".

En fronte, o deputado do PP Alberto Pazos cargou contra a propia plataforma SOS Sanidade Pública e pediulle que "deixe de lado o partidismo sanitario", porque a "falta de profesionais" é un asunto que afecta "toda España", asegurou. Pazos sinalou o "falso relato da esquerda" en materia sanitaria, tras acusar á plataforma de non querer "alcanzar ningún acordo" co Goberno galego, porque "simplemente busca substituílo por un goberno afín".

Após a votación que acabou co rexeitamento da ILP, o portavoz de SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, compareceu ante os medios para lamentar a "intervención desafortunada" do PP, que comete "malos tratos" cara ás máis de 50.000 persoas que asinaron o texto. Ao seu xuízo, os populares fican "en contra da xente" e "transforman en política partidaria o que simplemente é un gran movemento social, cidadán e profesional que leva anos traballando pola mellora da sanidade pública".

Comentarios