Labazada xudicial contra 'Hablamos Español': Rexeitado un recurso contra unha proba de tradución ao galego

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) non admitiu un recurso desta asociación que pretendía impugnar unha proba de tradución ao galego nun proceso de selección para a obtención do título de xestor administrativo convocado pola Xunta.
Sede do TSXG, na Coruña. (Foto: Xoán Roberes)
photo_camera Sede do TSXG na Coruña. (Foto: Xoán Roberes)

A organización Hablamos Español vén de perder un perder un caso xudicial en que pretendían impugnar unha convocatoria da Xunta dun proceso de selección para a obtención do título de xestor administrativo por contar cunha proba de tradución ao galego.

No auto do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) á que tivo acceso Nós Diario, a organización defensora da lingua española, alega que esta proba de tradución ao galego é “allea completamente ao programa ou áreas de coñecemento que se estabelecen para obter un resultado apto”.

De acordo con Hablamos Español “introdúcese de forma ilegal unha proba de coñecemento da lingua galega (cooficial) sendo necesario obter o resultado de ‘apto’ para superar as probas obxecto da convocatoria”.

Ante estas alegacións, o alto tribunal galego resolve declarar a “inadmisibilidade do recurso presentado pola Asociación Hablamos Español”. Con todo, O TSXG decidiu non impor custas a dita asociación.

“Aberración xurídica”

En declaracións a Nós Diario, o xurista Eduardo Álvarez explicou que “a asociación Hablamos Español fíxoo moi mal en termos xurídicos. Presentaron estas alegacións no TSXG directamente sen esgotar a vía administrativa e por iso se lles inadmitiu”.

“A Mesa pola Normalización Lingüística presentouse como codemandada e desde Hablamos Español dicían que a Mesa non estaba lexitimada para tal cousa, algo que é unha auténtica aberración xurídica”, incide Álvarez.

En palabras do xurista, “o avogado que lles levou este caso demostra ter moi poucos coñecementos de dereito administrativo por ocorrérselle presentar este recurso sen esgotar a vía administrativa e por dicir que a Mesa non é parte lexitimada”.

Sobre a non imposición de custas a Hablamos Español por parte do tribunal, Álvarez asegura que “cremos que se deberan impor custas procesuais a esta asociación porque non se admitiu nada do seu recurso. Non entendemos porqué”. De todas as formas, Álvarez cre que, aínda que Hablamos Español tiver esgotado a vía administrativa “non se lles tería admitido o recurso”.

“Defensa dos dereitos lingüísticos”

A Mesa pola Normalización Lingüística presentouse como parte neste proceso, sendo representada pola avogada Elsa Quintas. O presidente da entidade, Marcos Maceira, tamén atendeu Nós Diario para dar a súa perspectiva acerca desta situación.

“Presentámonos como parte na defensa dos dereitos lingüísticos. Se temos dereito a ter atención en galego, o lóxico é que quen nos atenda tamén saiba galego para que a cidadanía poidamos exercer ese noso dereito”, explica Maceira.

Acerca das custas, Maceira salienta que “isto é algo que está facendo o TSXG, algo que se revela amábel de cara a este colectivo. O lóxico sería que se lles tivesen imposto as custas procesuais”, manifesta o presidente da Mesa.

Comentarios