"A escola galega desgaleguiza". O BNG alerta do retroceso do uso do galego

Tras 13 anos de política lingüística do Partido popular “os nenos e nenas falan menos galego, menos inglés e máis castelán”, denunciou Mercedes Queixas, deputada do BNG no Parlamento Galego.
Mercedes Queixas, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Mercedes Queixas, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)

A portavoz de Lingua do BNG, Mercedes Queixas mostrou a preocupación da súa organización ante os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) relativos ao uso da lingua galega.

A parlamentaria alertou do retroceso do uso do galego no ámbito familiar, laboral e social “cedéndolle paso ao castelán” e anunciou que o BNG presentará no vindeiro curso político, “un Plan de Igualdade Lingüística no ensino” acompañado por un Pacto social polo Galego coa fin de reverter a actual situación.

Tras 13 anos de política lingüística do Partido popular “os nenos e nenas falan menos galego, menos inglés e máis castelán”, denunciou Queixas.

Para a deputada, a publicación dos datos do Censo 2021 do INE ofrecen unha “radiografía do presente e futuro da lingua galega atendendo ao seu coñecemento e uso”.

Neste sentido, sinalou que por primeira vez,  “28,2% dos menores de 20 anos recoñece que non falan nada en galego ou con moita dificultade” ,  32,8%  menores de 20 anos recoñecen non ser quen de escribir en galego ou de facelo con dificultade, só 35% dos mozos e mozas menores de 20 anos empregan o galego coas súas familias e só “16% de menores de 20 anos tiveron o galego como lingua inicial”.

Substitución lingüística

A xuízo da deputada, os datos do ano 2021 empeoran os de 2019  e consolidan “o avance acelerado da substitución lingüística do galego polo castelán”.

Estamos, reiterou Queixas “ante unha lingua que vai a menos como lingua de transmisión interxeracional, como lingua inicial e como lingua viva en todos os usos”. Unha realidade, explicou da que xa recibimos alertas desde diferentes entidades como a Real Academia Galega (RAG), as Universidades, a Mesa pola Normalización Lingüística, a comunidade educativa e organizacións sindicais.

Decreto do plurilingüismo do PP contra o galego

A nacionalista salientou que o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) anulou parte do articulado do “Decreto do plurilingüismo”, un Decreto contra o galego que reducía a súa aprendizaxe eliminando horas de docencia.

Por outra parte, engadiu que os recentes estudos da RAG demostran como “a escola galega desgaleguiza” e non garante a aprendizaxe como acontece con crianzas que usan o galego como lingua inicial e ao volveren á casa utilizan de maneira habitual o castelán.

"Desleixo negacionista"

“Fronte ao desleixo negacionista do PP”, desde o BNG “acreditan nunha mudanza comprometida na política lingüística que teña por obxectivo a recuperación de falantes e a restitución de usos para o galego”.

Comentarios