Vox querelarase contra Armengol por permitir usar as linguas oficiais no Congreso

A formación ultraespañolista móstrase "convencida" de que o PP apoiará a súa iniciativa para eliminar galego, eúscaro e catalán do Senado

Ignacio Garriga, secretario xeral de Vox, esta segunda feira. (Foto Diego Ramadés Europa Press)
photo_camera Ignacio Garriga, secretario xeral de Vox, esta segunda feira. (Foto: Diego Ramadés / Europa Press)

O secretario xeral do ultraespañolista Vox, Ignacio Garriga, anunciou esta segunda feira, 25 de setembro, que a súa formación vai presentar unha querela por prevaricación contra a presidenta do Congreso, Francina Armengol, por permitir usar as linguas oficiais en sede parlamentaria antes de que se aprobase a reforma do Regulamento que tiña ese obxecto.

"Saltou o Regulamento do Congreso permitindo o uso das linguas oficiais e o servizo de intérpretes sen realizar a pertinente modificación do regulamento", explicou Garriga en rolda de prensa desde a sede estatal de Vox, algo que ao seu xuízo é unha mostra máis de como o PSOE está disposto a facer todo "contra a legalidade vixente".

Durante a celebración do pleno no que se debateu a reforma, que Garriga riscou esta segunda feira de "sainete", os deputados de Vox abandonaron o hemiciclo do Congreso até en dúas ocasións.

Unha tivo lugar ao arranque da sesión, cando o deputado do PSOE por Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, estreaba o dereito para utilizar as linguas oficiais nos debates parlamentarios usando o galego para a primeira parte da súa intervención. A segunda foi cando o portavoz do PP, Borja Sémper, intercalou algunhas frases en eúscaro durante a súa alocución.

"Non imos ser cómplices desta ruptura da nosa convivencia que ao final é o que pretenden escenificar, rompendo absolutamente todas as leis e pasándose o Regulamento polo forro da chaqueta", expresaba a portavoz de Vox no Congreso, Pepa Rodríguez, ante os medios.

Vox presentou unha emenda á totalidade da reforma do regulamento que non saíu adiante e na que o PP se abstivo, algo que non gustou entre as filas dos de Santiago Abascal. Finalmente, a reforma do Regulamento que regularizaba o uso das linguas cooficiais foi aprobada pese ao voto en contra do PP, Vox e UPN.

No Senado

Vox tamén presentou unha iniciativa no Senado para eliminar o uso das linguas oficiais no Senado, coa que buscan que o PP se posicione despois de criticar a implantación do catalán, o eúscaro e o galego no Congreso.

Esta segunda feira, Garriga mostrouse "convencido" de que o PP fará que se aprobe grazas á súa maioría na Cámara Alta. "É unha grande oportunidade e estamos convencidos de que aproveitará a súa maioría para sacala adiante", dixo.

Comentarios