"Todos tienen el derecho a conocer y usar el gallego, no obligatoriedad": a polémica resposta de 'El Corte Inglés' a un cliente

"Durante o meu periplo como consumidor houbo tres dependentas que aseguraron non entenderme. Alegaron que falaba baixiño, aínda que non era ese o verdadeiro motivo dado que posúo unha voz grave e nítida: non me comprendían porque lles falei en galego", relata Xabier Vila-Coia, que presentou unha reclamación formal á que a sede da compañía en Vigo responde afirmando que non ten a obriga de usar a lingua propia do país.
Centro comercial 'El Corte Inglés' de Vigo. (Foto: ECI)
photo_camera Centro comercial 'El Corte Inglés' de Vigo. (Foto: ECI)

Un estranxeiro no seu propio país. Así foi como se sentiu o pasado 30 de decembro Xabier Vila-Coia, galego emigrado a Madrid, cando foi comprar ao supermercado do centro comercial El Corte Inglés de Vigo. Ao pisar territorio galego, Xabier bota man da lingua propia do país; porén, non sempre é correspondido como cumpriría agardar.

"Durante o meu periplo como consumidor houbo tres dependentas que aseguraron non entenderme. Alegaron que falaba baixiño, aínda que non era ese o verdadeiro motivo dado que posúo unha voz grave e nítida: non me comprendían porque lles falei en galego. Tiven que repetirlles até catro veces o que quería para conseguir facerme entender", explica a Nós Diario.

Este episodio levouno a presentar unha reclamación formal ante o comercio que agora vén de ser respondida —en castelán, malia formulala en galego— e considerada "non procedente" polo departamento de Atención ao cliente, que se escuda en que, con base no Estatuto, "o galego é a lingua cooficial na nosa comunidade autónoma, e todos teñen o dereito a coñecela e usala, non obrigatoriedade".

Texto de resposta á reclamación presentada por Xabier Vila-Coia.
Texto de resposta á reclamación presentada por Xabier Vila-Coia.

Eluden mencionar desde El Corte Inglés nese mesmo escrito —consultado por Nós Diario— que o mesmo artigo do Estatuto sostén que o galego é a "lingua propia" do país e que "os poderes públicos da Galiza garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán a utilización do galego en todas as ordes da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento". Así pois, conclúe o texto, "ninguén poderá ser discriminado por razón da lingua".

A compañía adiantoulle que non participará dun procedemento arbitral de consumo no caso de que Xabier Vila-Coia exercese o seu dereito a reclamar perante unha entidade mediadora

Mais a compañía, se ben traslada as súas desculpas "polas molestias que puidese sufrir" o cliente e espera que "siga confiando" no estabelecemento "para futuras compras", avanza que non está adherida a ningunha entidade de resolución de conflitos —ao abeiro da Lei 7/2017 que regula os litixios en materia de consumo—, polo que, malia que eleve a queixa á Xunta Arbitral de Consumo da Galiza ou o Concello, "El Corte Inglés S.A. non participará no procedemento arbitral ante ditas entidades indicadas".

"Un comercio non pode tratar así a un cliente. A persoa que asina a carta de resposta vén a dicir, 'non nos dá a gana de falar en galego e punto'. Paréceme que actúan con moita chularía", lamenta, ao tempo que enmarca o sucedido nun "problema sociolóxico".

No seu escrito de reclamación solicitaba "que o Corte Inglés de Vigo contrate persoal que comprenda perfectamente o galego; aínda que non o fale ou non queira falalo", dado que "está fóra de lugar que un cliente galegofalante deba reiterar tantas veces a un empregado dun comercio emprazado na Galiza o que desexa para que se decate do que lle está a solicitar".

"Cando rematei de ler o texto lembreime, con mágoa e envexa ao mesmo tempo, dos cataláns, o pobo sen Estado que mellor protexe e máis agarima a lingua de seu; da milenaria pervivencia do euskara, e do Canadá. Ese país no que se un se dirixe por escrito a un organismo lle responden, con sincera amabilidade, no idioma no que lles escribiu. De aí a miña conclusión: falar, escoitar, reflexionar... e non calar!", conclúe Xabier.

Comentarios