SXPL reúnese coa CIG e a Mesa polo conflito en Jungle World

Ambas as dúas organizacións instaron o responsábel de Política Lingüística a garantir que se cumpran os dereitos lingüísticos no centro infantil.

Rolda de prensa de Belén Tajes coa Mesa e Anxo Louzao
photo_camera Rolda de prensa de Belén Tajes coa Mesa e Anxo Louzao

"Foi unha xuntanza a instancias da Secretaría Xeral de Política Lingüística", explica Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino, unha das entidades chamadas a explicar o acontecido no centro infantil Jungle World onde impiden que o cadro de persoal use a lingua galega. 

No encontro, ao que tamén asistiu tamén a Mesa pola Normalización Lingüística, ambas as dúas organizacións trasladáronlle á SXPL a "urxencia de que actúe" para lle comunicar á empresa "a ilegalidade" cometida. 

"Ten que garantir o cumprimento dos dereitos fundamentais, neste caso lingüísticos", sinala Louzao, así como o cumprimento do estabelecido na "lei de servizos sociais de 2008 que exixe garantir unha oferta positiva en lingua galega". Aliás, instaron o responsábel de Política Lingüística a abrir "un expediente sancionador" a Jungle World. 

"Estanse a vulnerar non só os dereitos das traballadoras senón tamén o das crianzas a estar en contacto co seu idioma"

En verbas do secretario nacional da CIG-Ensino, a SXPL "debe actuar con contundencia e celeridade". Pola súa banda, desde Política Lingüística, que xa se comunicaron coa traballadora, aseguraron que trasladarán por escrito á empresa o seu posicionamento. Ora ben, desde a Secretaría Xeral amosáronse reticentes á hora de sancionar a entidade. 

"Agardamos que non sexa unha declaración de intencións", apuntou Anxo Louzao pois "estanse a vulnerar non só os dereitos das traballadoras" a se expresar en lingua galega senón tamén, acrecentan, "o dereito das crianzas a estar en contacto co seu idioma". 

Neste senso, desde a CIG-Ensino lembran que embora ser un centro privado --como argüíu a empresa nun comunicado público-- a lexislación en materia de servizos sociais "onde se fala dun uso positivo do noso idioma, tanto centros públicos como privados". "Ten que haber unha oferta positiva do galega e a SXPL así o entendía tamén cando llo trasladamos". 

Após o encontro convocado por Política Lingüística desde CIG e A Mesa agardan poder manter unha xuntanza co novo conselleiro de Política Social a quen xa llo solicitaron por escrito

Comentarios