Subscribirse a ‘Nós Diario’ ten premio

A Asociación de Medios en Galego, Dinahosting e PuntoGal unen esforzos polo Día das Letras Galegas e de Internet

A campaña estará vixente do 17 ao 31 de maio. (Foto: Amega)
photo_camera A campaña estará vixente do 17 ao 31 de maio. (Foto: Amega)

No mes da conmemoración do Día das Letras Galegas e do Día de Internet, a Asociación de Medios en Galego (Amega), a provedora de servizos Dinahosting e PuntoGal unen esforzos para apoiar o uso da lingua na rede a través da iniciativa "Subscríbete ao galego".

Entre o 17 e o 31 de maio, as persoas que se fagan subscritoras dalgún dos medios en galego participantes na campaña, entre eles Nós Diariorecibirán totalmente de balde un dominio .gal e o aloxamento para a súa web durante un ano. Este agasallo está valorado en máis de 170 euros.

Os usuarios e as usuarias beneficiarias recibirán os seus códigos para obter até o 30 de xuño o seu hosting e dominio gratis.

Para o presidente de Amega, Pablo García, esta campaña é “unha oportunidade para unir forzas e mostrar a utilidade da nosa lingua na rede”.

O porqué da campaña

“Nun mundo tan globalizado e marcado polo emprego da tecnoloxía”, a Asociación de Medios en Galego, dinahosting e PuntoGal queren “contribuír a un maior uso da lingua na Internet”.

Así, un dominio .gal e un hosting web de balde permitirán ás persoas beneficiarias “gozar dunha conta de correo profesional co seu propio nome de dominio, ou iniciar o seu proxecto web sen necesidade de facer ninguna inversión inicial”. “É un xeito de impulsar a comunidade de creación de contido en galego e de fomentar a normalización do idioma en todos os ámbitos”, sinalan os responsábeis da campaña.

Ao mesmo tempo, “Subscríbete ao galego” supón un “reforzo” para cada un dos nove medios que participan, pois “apórtalle valor engadido ás persoas que queiran subscribirse”. “É a mellor forma de seguir gañando base social e de que os medios galegos gañen peso”, afirman desde Amega.

Os medios con subscrición que participan nesta campaña son:

  • Nós Diario
  • Tempos novos
  • Praza.gal
  • Luzes
  • Revista Mazarelos
  • Código cero
  • Nós TV
  • A Trabe de Ouro
  • Radiofusion

Ademais, apoian a campaña os seguintes medios: GCiencia, GaliciaConfidencial, Quepasanacosta, Revista Pincha, Revista Inviable, Radio Estrada, Lindeiros, Novas do Eixo Atlántico, XornaldaCoruña e O Barbanza.

 

Comentarios