A RAG anima as deputadas da Galiza no Congreso a intervir en galego

A Academia ve positivos os avances cara a oficialidade da lingua galega.
Un traballador do Congreso dos Deputados coloca en cada escano os auriculares para seguir as intervencións. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Un traballador do Congreso dos Deputados coloca en cada escano os auriculares para seguir as intervencións. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

A Real Academia Galega (RAG) animou todas as deputadas e todos os deputados galegos no Congreso español a empregar a lingua galega na súa actividade na cámara baixa. O plenario da institución académica aprobou esta cuarta feira por unanimidade un acordo para manifestar a súa satisfacción ante a aprobación da reforma do regulamento do Congreso para recoñecer oficialmente o dereito ao uso das lingua galega, así como do euskera e do catalán nas sesións e no conxunto da actividade parlamentaria.

Así, entre as previsións recollidas nesa reforma está o dereito dos deputados e das deputadas a usaren as linguas oficiais en todos os ámbitos da súa actividade, incluíndo as intervencións orais e a presentación de escritos no Rexistro. Igualmente, tamén está prevista a publicación nestas linguas de todas as medidas lexislativas aprobadas pola Cámara.

O plenario da RAG considera que esta medida non só supón avanzar nun novo ámbito de uso para o idioma galego, senón que é especialmente importante polo seu simbolismo e a visibilidade pública que outorga, así como polo que significa de "asunción de pluralidade lingüística por parte das institucións do Estado español". 

Marxinación histórica

"É de esperar que o paso dado polo Parlamento, que vai na liña de medidas similares aprobadas tempo atrás polo Senado, abra o camiño polo que outras institucións e Administracións públicas de distintos ámbitos –incluíndo a Xustiza– deben comezar a transitar", considera a institución. 

Neste sentido, a RAG apunta que aínda queda camiño por percorrer até unha aceptación plena e completa por parte do Estado do carácter constitutivamente plurilingüe e plurinacional dos pobos, polo que o paso dado polo Parlamento "é merecente do aplauso" da institución da lingua. 

Da mesma maneira, a Real Academia Galega manifestou esta cuarta feira a súa esperanza de que as xestóns do Goberno español ante as institucións da Unión Europea, "encamiñadas ao recoñecemento oficial no seu seo do galego e das outras linguas" do Estado español, "teñan un resultado positivo. "Os avances cara á plena oficialidade do idioma galego en todos os niveis políticos e administrativos non supoñen outra cousa que progresos cara a reparación da inxusta marxinación histórica do noso idioma e a discriminación dos seus e das súas falantes. Gañar en recoñecemento e en dereitos é camiñar cara á igualdade", conclúe o comunicado emitido esta cuarta pola institución.

Comentarios