sábado 08/08/20

'Onde vivires, fai como vires': a lección 13 do curso de galego achégase ao futuro de subxuntivo

Reproducimos a seguir un extracto da lección 13 do curso de galego, sobre interferencias sintácticas, que Nós Diario publica hoxe. 'Curso de lingua galega: Mellor uso, máis calidade para o idioma' diríxese a todos os públicos e publícase a diaro nas catro páxinas centrais do xornal impreso.
'Onde vivires, fai como vires': a lección 13 do curso de galego achégase ao futuro de subxuntivo

O Futuro de Subxuntivo é un tempo característico da nosa lingua e cunha forte capacidade expresiva. Decaeu no uso oral precisamente porque desde o século XVIII deixou de ser utilizado en castelán. No entanto, o seu uso era habitual na lingua falada, como testemuñan os abundantes ditados populares en que é empregado e aínda a súa presenza na nosa literatura. No ámbito da lusofonía mantivo plena vixencia até a actualidade, quer nos usos escritos, quer nos orais e populares.

Eis algúns exemplos da presenza do futuro de subxuntivo na lingua do pobo en refráns, ditos e cantigas populares:

—Coza quen quixer e amase quen souber.
—Como sementares e estercares así recollerás cando segares.
—Corran as cousas como quixer, xa pararán de correr.
—Onde vivires fai como vires.
—Cando falares de alguén, mira de quen e a quen.
—Comer, segundo houber.

Cando as pedras deren gritos
e o sol parar de andar
e o mar non tiver auga
heime de ti apartar.

E velaquí algún caso de uso na lingua literaria, dos clásicos á actualidade:

Cando eu pasar desta vida
levádeme á Ponte- Ceso.
Se non for na Ponte -Ceso
sepultádeme na Cruña
.

(Pondal)

Cando eu me atopare de donos liberto...

(Curros, O maio)

Cando el partir, serei eu quen de volver a ser quen fun, ou ficarei aboiando para sempre no mar da nostalxia?

(Begoña Caamaño, Circe ou o pracer do azul)

Non é fácil de entender que renunciemos a empregar unha forma verbal que fornece,  como vimos de comprobar nos usos tradicionais , unha forte capacidade expresiva e inmensas posibilidades estilísticas, particularmente nun modelo de lingua coidada. Por iso, recuperar plenamente o uso pleno do Futuro de Subxuntivo é fundamental para revigorizar a nosa lingua. Porque, para alén do máis, responde a unha función clara: a de enunciar unha acción posíbel e/ou probábel no futuro:

—Se tiver tempo, irei visitarte.
—Cando viñeres a Compostela, ven visitarme.

Na lingua oral actual este tempo pasou a ser substituído, a semellanza dos usos do castelán, polo presente de indicativo ou, máis comunmente, polo de subxuntivo:

—Se teño tempo, irei visitarte.
—Cando veñas a Compostela, ven visitarme.

Lembras como é o dito referido á foto superior? Coza quen ... e amase quen ...

Como conseguilo?

As persoas subscritoras, ben en papel ben na versión de acceso na nube, terán á súa disposición, nas páxinas centrais de Nós Diario, desde o 5 de maio, o curso de balde. As persoas que aínda non son subscritoras poden facerse ou ben adquirir o diario en papel nos quiosques e puntos de venda habituais por 1,50 euros de terzas a sextas feiras e por 3 euros os sábados (día en que se inclúe o semanario Sermos Galiza) ou ben mercalo para a súa lectura na nube.

comentarios