ProLingua lamenta a “regresión do galego” na Feira de Moble da Estrada

“Necesitamos explicacións claras e detalladas das razóns que levaron á Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada a iniciar unha etapa de enfrontamento coa lingua”, din en referencia á deturpación de topónimos e publicidade unicamente en castelán.

Moble estrada
photo_camera Imaxe: Turismo Estrada

ProLingua denuncia o que entende que é unha clara “regresión” no uso do galego na Feira do Moble da Estrada, unha denuncia que fai perante a constatación de que o español pasa ser nesta edición o idioma no que se desenvolve a cartelería, manuais, publicidade en valados... cando en anteriores eventos era o galego. “Que foi o que sucedeu para que se producise esta involución?”, pregunta ProLingua, que solicita “explicacións” por un cambio de actitude que chega mesmo a que se deturpen topónimos: La Estrada, Villagarcía de Arosa...

“Por se todo o relatado non fose xa suficiente, un dos momentos culminantes da Feira do Moble é o da entrega do Premio Xornalístico “Manuel Reimóndez Portela”, un galardón con tradición e vocación normalizadora ao que só se poden presentar artigos publicados en galego”.

“Necesitamos explicacións claras e detalladas das razóns que levaron á Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada a iniciar unha etapa de enfrontamento coa lingua. Solicitamos que interrompan a difusión da cartelería e o resto da documentación (o referido dossier, os contratos...) e a substitúan por outra que non atente contra a dignidade dun pobo que sustenta os fondos cos que se nutre a Fundación”.

Comentarios