O presidente de Asturias en relación ao galego: "Ninguén nos dirá desde outra comunidade o que temos que recoller no noso Estatuto"

A Real Academia Galega reclama a oficialidade do galego en igualdade de condicións que o asturiano. 
O presidente asturiano, Adrián Barbón, xunto ao galego, Alberto Nuñez Feixoo (Foto: Europa Press).
photo_camera O presidente asturiano, Adrián Barbón, xunto ao galego, Alberto Nuñez Feixoo (Foto: Europa Press).

O presidente do Principado, o socialista Adrián Barbón, afirmou esta terza feira que ninguén vai dicir "desde calquera outra comunidade" o que ten que recoller Asturias no seu Estatuto de Autonomía.

As declaracións de Barbón producíronse poucas horas despois de que a Real Academia Galega (RAG) reclamase a oficialidade do galego en igualdade de condicións que o asturiano no novo Estatuto de Autonomía de Asturias.

Actualmente, o nome recollido na lexislación asturiana para a lingua falada entre os ríos Navia e Eo, na zona fronteiriza coa Galiza, é 'galego-asturiano'. Con todo, a principal asociación cultural do Navia-Eo, Xeira, chegou a denunciar a "intención do Goberno de Asturias de cambiar o nome ao galego-asturiano" por 'eonaviego'.

'Eonaviego'

A protesta de Xeira veu polo uso nos últimos meses polo Principado do termo 'eonaviego' para referirse á a lingua do extremo occidental de Asturias e despois dunha pregunta de Podemos á conselleira de Cultura Berta Piñán, quen respondeu que o uso deste termo se basea nun informe da Academia da Llingua (ALLA), que é o que van usar no dicionario de galego-asturiano que está a preparar a institución ('Dicionario eonaviego').

Ante estas afirmacións, a RAG reclamou o mesmo trato para as dúas linguas propias de Asturias, o galego e o asturiano, e critica, ademais, que se elixa o glotónimo "eonaviego", unha fórmula, recalca, que busca "facer invisíbel a existencia do galego" nas comarcas lindeiras coa Galiza.

A institución remitiu ao presidente do Principado, Adrián Barbón, ao Goberno de Asturias e aos grupos parlamentarios o informe aprobado no seu último pleno ordinario á mantenta da reforma do seu Estatuto de Autonomía.

A resposta de Barbón chegou a través dun apuntamento en Twitter, onde indicou que esa reforma negóciase en Asturias "de acordo ao sentir dos grupos políticos, entidades e asociacións asturianas".

"Ninguén nos dirá, desde calquera outra comunidade e por moito respecto que lles teñamos, o que temos que recoller no noso Estatuto", sentenciou o presidente.

Comentarios