LINGUA

Piden a reforma do Estatuto de Asturies para declarar a oficialidade do galego asturiano

Un deputado de Podemos na Junta General do Principado quere recuperar o debate sobre a oficialidade do galego asturiano a través dunha reforma do Estatuto de Autonomía coa "nova normalidade" após o coronavirus.
Manifestación pola oficialidade da lingua (arquivo).
photo_camera Manifestación pola oficialidade da lingua (arquivo).

O deputado de Podemos na Junta General do Principado de Asturies, Rafael Palacios, aproveitou a xornada previa ao Día de les Lletres para insistir na necesidade de abrir a reforma do Estatuto de Autonomía do Principado de Asturies para declarar a oficialidade da lingua asturiana.

"A nova normalidade ten que ser a oficialidade", dixo o parlamentario, que considera que o asturiano e o galego asturiano teñen que formar parte do proceso de "reconstrución" de Asturies após a crise do coronavirus. 

Esta sexta feira, día 8, ía celebrarse a tradicional manifestación con motivo do Día de les Lletres, como tamén tiña que suceder na Galiza o vindeiro 17 de maio polo Día das Letras. Palacios animou á cidadanía para participar e apoiar a campaña da Xunta pola Defensa de la Llingua para apoiar a oficialidade.

Recentemente, unha campaña da colectivos en defensa da lingua reclamou que a cidadanía se dirixa ao seu concello para demandar o uso do galego de Asturies e do asturiano baixo o lema Nel mio conceyu, na mio llingua, Nel meu conceyo, na mía llingua.

Os grupos parlamentares de Podemos e Esquerda Unida xa rexistraran unha proposición de lei no Parlamento asturiano para dar rango oficial ao 'galego asturiano' en 2018. 

Comentarios