Palabras con memoria: en fin...

Nova edición das 'Palabras con memoria' de Ramiro Torres.
Díselle chapeliño ao que todo o conta. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Díselle chapeliño ao que todo o conta. (Foto: Nós Diario)

chapeliño.- O que todo o conta.
Lugar de escoita.- Pastoriza (Lugo).
Fonte.- María Canosa.

chiste pepiño, mamai caghallón.- Expresión usada cando alguén facía un mal chiste.
Lugar de escoita.- Xunqueira de Espanadedo.
Fonte.- Xesús Franco.
Outros apuntamentos.- Indica a fonte que a expresión lla escoitaba así á súa nai, com gheada.

chordella.- Coitada.
Exemplo.- “Tanto tempo solteiro e ao final foi casar cunha chordella.”
Lugar de escoita.- Escudeiros - Ramirás (Ourense).
Fonte.- Xoán Carlos Domínguez Alberte.

fardoia/fardoias.- Sinalar nun sentido despectivo unha persoa por ir mal vestida.
Exemplo.- “É un fardoia/fardoias.”
Lugar de escoita.- Castrelo-Forcarei, Terras do Ribeiro, Punxín.
Fonte.- Manuel Cabada Castro.

fostró.- Persoa con costumes de vida e aspecto abandonado, pouco coidado.
Exemplo.- “Antes ía todo aqueladiño e agora anda feito un fostró.”
Lugar de escoita.- O Morrazo.
Fonte.- Amable Guimeráns Mariño.
Outros apuntamentos.- Posiblemente proceda do inglés foxtrot. Grupo Maré do Morrazo, formado por Salvador Castro Otero, Lucía Durán Paredes, Xosé Manuel González Barreiro, Henrique Harguindey Banet, Xosé Martínez García, Soledad Ríos Santomé, Ramón Rocamonde Gómez e María Emma Tilves Pazos.

Comentarios