Palabras con memoria: lingua téxtil

Nova edición das 'Palabras con memoria' de Ramiro Torres.
Mercado de roupa na zona vella de Compostela (Foto: Jose R Pizarro).
photo_camera Mercado de roupa na zona vella de Compostela (Foto: Jose R Pizarro).

chaparrita.- Zapatilla ou chancleta. Tamén se lle daba o nome á acción de dar con ela nas cachas aos nenos.

Exemplo.- “Vouche dar unha chaparrita.”

Lugar de escoita.- O Barbanza.

Fonte.- Constantino Prego.

espenecho (en).- Ten o significado de dicirlle a unha persoa que non leve a cabeza descuberta, que se poña un sombreiro.

Exemplo.- “Non vaias en espenecho.”

Lugar de escoita.- Vilariño (Agolada).

Fonte.- Manuel Cabada Castro.

folete.- Bocha que se forma na roupa engruñada.

Exemplo.- “Non te dás amañado, estira ben o xersei que o levas cheo de foletes.”

Lugar de escoita.- O Morrazo.

Fonte.- Francisca Abalde Omil.

Outros apuntamentos.- Grupo Maré do Morrazo, formado por Salvador Castro Otero, Lucía Durán Paredes, Xosé Manuel González Barreiro, Henrique Harguindey Banet, Xosé Martínez García, Soledad Ríos Santomé, Ramón Rocamonde Gómez e María Emma Tilves Pazos.

patrafolas.- Dise da persoa que viste con roupa dun talle maior que o seu, ou anda descamisado.

Exemplo.- “Aínda es patrafolas! Andas coma Xan da Riola, coa camisa de fóra.”

Lugar de escoita.- Carbeiral - Bardaos (San Sadurniño).

Fonte.- Lino Sanjurjo.

rodillo.- (Ademais de significados rexistrados) Pano de cociña cadrado, de material similar ao das toallas.

Exemplo.- “Despois de lavar a louza, sécaa cun rodillo.”

Lugar de escoita.- Burela.

Fonte.- Mario Ferreira.

Outros apuntamentos.- A fonte puntualiza que o termo non se emprega cando o tecido do pano non é o indicado.

Comentarios