O Goberno estatal sentencia que a única forma válida e oficial dos topónimos é a galega

O deputado nacionalista Néstor Rego preguntara a Moncloa a raíz de casos como a deturpación anual do topónimo A Toxa.
Intervención do líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, no Foro 'La Toja' de 2023. (Foto: Agostime / Europa Press)
photo_camera Intervención do líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, no Foro 'La Toja' de 2023. (Foto: Agostime / Europa Press)

O Goberno español lembra que a única forma considerada válida e oficial dos topónimos na Galiza é a galega, e non a española. E, por tanto, é a que debe ser sempre empregada. Así o recolle a resposta facilitada polo Executivo á pregunta formulada por escrito polo deputado e portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, sobre a deturpación do topónimo da illa da Toxa que realiza a organización do 'Foro La Toja. Vínculo Atlántico', que decorre anualmente no concello do Grove (O Salnés).

Desde Moncloa subliñan, máis unha vez, que a Constitución española recoñece as linguas do Estado como "un patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección" e que, no caso concreto da Galiza, o galego está recoñecido como oficial polo seu Estatuto de Autonomía.

"Todo iso implica unha serie de dereitos lingüísticos en favor da cidadanía, coa súa correspondente obriga xurídica de cara aos poderes públicos. A toponimia aparece contemplada en varios Estatutos de Autonomía e defínena como unha materia de competencia exclusiva de cada comunidade autónoma", sinala o Goberno.

Neste senso, incide en que, no caso da Galiza, o artigo 10 da Lei de normalización lingüística do ano 1983 estabelece que os topónimos "terán como única forma oficial a galega" polo que sentencia que é esa "a única denominación oficial válida, e por tanto, a que debe ser empregada". Así as cousas, recoñece que a Administración estatal debe ter en conta os topónimos oficiais aprobados polas comunidades en exercicio do seu ámbito competencial.

Ao mesmo tempo, e por outra parte, responde ao BNG que non pode cuantificar o custo do dispositivo de seguridade despregado na Toxa con motivo da celebración do devandito foro que, segundo o Ministerio de Presidencia, non recibe axudas ou subvencións por parte do Estado.

Comentarios