A Mesa dille ao conselleiro que rexeita as “rebaixas” para o galego

Sen aínda coñecer que intencións ten a respecto do galego, a Mesa pídelle ao novo conselleiro que aplique os acordos pola lingua, en concreto o Plan de Normalización, sen aplicar rebaixas. 

Marcos Maceira
photo_camera Marcos Maceira

 “O galego precisa que ninguén se autoexclúa da súa defensa e de que todos os partidos e organizacións sociais se apropien del”, afirma o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira en resposta ás declaracións do Conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez, na Radio Galega.

Desde a Mesa, mesmo facendo constar que aínda non coñecen as novas medidas que propón Rodríguez, sinalan que non admitirán ningunha rebaixa  do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega acordado por unanimidade parlamentar hai dez anos. “Non é de recibo que todos os acordos en torno ao galego rematen sistematicamente en papel mollado ou en rebaixas, no mellor dos casos, cando non en boicot ou desprezo. A situación da lingua precisa acción inmediata e urxente, non declaracións de supostas intencións. A Mesa non aceptará ningunha rebaixa sobre o xa acordado”, destaca Maceira que lembra a xuntanza que solicitaron co presidente da Xunta para exporlle seis medidas urxentes para o galego. 

 “Se o conselleiro quere escoitar á Mesa, tal e como declarou, pode demostralo impulsando e participando na reunión solicitada”, afirma o presidente da Mesa para quen o obxectivo común ten que ser “repor o galego en todos os espazos onde foi e é excluído, de polo en todas as situacións, de actuar para termos a opción real de usalo sempre e en todo lugar no noso propio país”.

Comentarios